A CALIDADE E A SEGURIDADE DO PACIENTE SON AS PROTAGONISTAS DA PRIMEIRA SESIÓN CLÍNICA XERAL DA ÁREA SANITARIA DE FERROL TRALA APARICIÓN DA COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 11 2020

​A calidade e a seguridade eran as protagonistas esta mañá da primeira sesión clínica xeral da Unidade de Docencia trala aparición da Covid, pola que moitas destas actividades se viron relegadas a un segundo plano. Estas reunións unen a titores, residentes e alumnado de sexto de Medicina en torno a diversos temas de interese na súa formación como profesionais. A Misión, a Visión e os Valores da Área Sanitaria de Ferrol, título da sesión que se podía ver en liña, eríxense sempre como inspiradores das actuacións da organización. Eses conceptos organizacionais materialízanse na “diminución de riscos, a seguridade de pacientes e profesionais, a responsabilidade, a atención humanizada, o compromiso, a calidade como obxectivo, e a relación cos pacientes”. No referente á Humanización, o responsable da Subdirección de Humanización, Calidade, e  Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo, afirmaba que “todo isto ten unha fin, a relación entre as persoas, e non só que un espazo físico sexa máis ou menos agradable, que tamén”.

 
Pola súa banda, a coordinadora da Unidade de Calidade, Silvia López Diaz-Robles, incidía nese concepto de calidade como un “ideal de mellora”, con procedementos que a sustentan, e persoas que a fan posible, como as que están detrás da consecución dos servizos certificados en calidade; e amosaba as distintas ferramentas que sobre a mesma existen no portal dos e das profesionais, a Intranet. Afondou especialmente no que considera moi relevante na consecución da calidade, a seguridade; e explicoulles as claves do Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente (SiNASP), co que conta a Área Sanitaria de Ferrol para minimizar os posibles riscos que se poidan producir cando un paciente acude a un centro sanitario. 
 
Poñerse no lugar do paciente e coñecer erros para aprender deles
Juan Manuel González exemplificou o que pode ser a humanización cun extracto dun filme no que un doutor enferma e pasa a ser paciente, vivindo en primeira persoa ese rol; e fai que os futuros profesionais ós que forma sexan durante 72 horas pacientes tamén para entender os seus medos, necesidades, e sobre todo que detrás da historia clínica hai unha persoa que ten un nome. Expuxo tamén que a humanización se traduce en detalles como presentarse ós pacientes, non compartir información fora do ámbito asistencial, ou, por exemplo tamén, buscar os contextos axeitados para informar ós pacientes e ás súas familias. Informou ós profesionais máis novos do sistema sobre a existencia do Consello Asesor de Pacientes, que aglutina as asociación e que “son transmisores de moitas desas necesidades que temos que escoitar”.
 

Pola súa banda a coordinadora, Silvia López, dedicaba a maior parte da súa intervención a darlles a coñecer SiNASP, que é un sistema que axuda a medir riscos e ofrecer solucións, e  permite a comunicación e o rexistro de incidentes (que non chegan ó paciente ou non lle chegan a provocar dano), ou do que se denominan eventos adversos (cando teñen producido dano ó paciente); en definitiva, de calquera circunstancia ou erro que afecta, ou podería chegar a afectar, ós usuarios e usuarias dos centros sanitarios. O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi dos primeiros en activar este sistema, no ano 2011. Con el, mellora a seguridade do paciente a partir da análise de situacións, problemas e incidentes, do contexto no que teñan ocorrido, dos riscos latentes preexistentes, e dos factores que contribuíron á súa aparición, para poder, posteriormente, promove-los cambios necesarios para que isto non suceda de novo.

A énfase principal do sistema está na aprendizaxe a partir desa análise, e a comunicación ou o rexistro de casos non é unha finalidade en si mesma. Os e as profesionais, a través da Intranet, poden rexistrar calquera cuestión que tivera posto en perigo á ou ó paciente (erros de medicación, de identificación de pacientes, actuacións incorrectas, documentación ilexible, entre outras...), isto é, todo aquilo que non está previsto que suceda, e provoca ou podería chegar a provocar un problema engadido. A notificación é voluntaria, non punible, e anónima; e a información é totalmente confidencial e relativa só ó feito, sen referencias persoais. Coñecer estas incidencias fai que a Área tamén potencie as ferramentas necesarias para cambiar esa situación emprendendo accións a diversos niveis, ben a través de mensaxes, alertas ou accións formativas que reforzan as prácticas seguras, ou ben, dun xeito máis xenérico, cando as incidencias detectadas requiren a elaboración de novos protocolos de actuación dentro da organización.
 
A coordinación e a activación desas ferramentas é unha das actividades que desenvolve o Núcleo de Seguridade de Pacientes e de Xestión de Riscos Clínicos, un equipo multidisciplinar de profesionais de diversas categorías e ámbitos. No marco deste Núcleo, edítase un Boletín de Seguridade que se emite para tódolos profesionais. No último, infórmase das notificacións producidas por SiNASP no primeiro semestre deste ano 2020. O sistema recibiu un total de 40 notificacións realizadas polos profesionais durante eses seis primeiros meses, 35 dende o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e 5 dende os centros de saúde.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss