O SERGAS PUBLICA O PROCEDEMENTO DE ACCESO AOS GRAOS I A IV DA CARREIRA PROFESIONAL CORRESPONDENTES Á CONVOCATORIA 2020
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 11 2020

 
A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 20 de novembro de 2020, pola que se convoca o procedemento de acceso aos graos I a IV de carreira profesional, correspondentes á convocatoria do ano 2020.
 
Tralo o acordo acadado entre o Servizo Galego de Saúde e os sindicatos, en xullo de 2018, a través desta convocatoria poderán solicitar o seguinte grao da carreira profesional case 14.000 profesionais do Sergas. Nomeadamente, poderán solicitalo preto de 3.000 sanitarios licenciados, 7.000 diplomados e técnicos de FP e 4.000 persoas do eido da xestión e servizos.
 
Trátase dun procedemento voluntario ao que se poderá acoller todo o persoal do Sergas e dos entes adscritos tanto á Consellería de Sanidade, como ao Servizo Galego de Saúde. Mediante este proceso, os profesionais terán a posibilidade de progresar de forma individualizada, mediante o recoñecemento da experiencia, formación, docencia, investigación e innovación, así como pola súa implicación e compromiso coa Administración. Para isto, establecese un baremo no que se recollen os criterios de avaliación do persoal que quere pasar de grao.
 
Nesta convocatoria de 2020, aplicaranse os criterios extraordinarios de avaliación pactados para a convocatoria extraordinaria de 2018, pero con certas adaptacións: para o persoal licenciado sanitario valorarase a participación nos obxectivos asistenciais e o seu cumprimento, referidos aos exercicios 2015 a 2019; e para a totalidade dos colectivos, valoraranse as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o día inmediatamente anterior ao da publicación no DOG desta convocatoria (29 de novembro de 2020).
 
A convocatoria de carreira profesional do 2020, terá como novidade a exoneración  do requisito de permanencia no grao anterior, para aquel persoal que fora fixo no Sergas, ou nas entidades adscritas, antes do 31 de decembro de 2011, e que no momento desta convocatoria sexa persoal estatutario, sempre que permaneceran dun xeito continuado en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) desde o último recoñecemento de grao.
 
A mesma excepcionalidade do período de permanencia será aplicable ao persoal dos modelos tradicionais de atención primaria que estean integrados funcionalmente e non completasen a súa carreira profesional, ou tiveran solicitado a súa integración antes de que finalice o prazo de presentación da solicitude de carreira.
Máis do 80% dos profesionais que participan nesta convocatoria beneficiaranse desta importante exención, de xeito que se lles permite acceder a 2 grados de carreira en 2 anos.
 
O pago do complemento de carreira que se recoñeza nesta convocatoria aboarase en dúas anualidades (50% en 2020 e 50% en 2021) representando un incremento retributivo para todas as categorías profesionais. Isto traducirase nun importe anual de 1.562,64 euros para licenciados sanitarios; 976,62 euros para diplomados sanitarios A2; 567,72 euros para técnicos de FP C1; 481,86 euros técnicos de FP C2; 1.257,84 euros para o grupo A1 de xestión e servizos; 880,32 euros para o grupo A2 de xestión e servizos; 567,72 euros para o grupo C1 de xestión e servizos; 481,86 euros para o grupo C2 de xestión e servizos; e 389,34 euros para o grupo Atención primaria de xestión e servizos.
 
Dun xeito desagregado, dos case 14.000 profesionais que poderán solicitar carreira nesta convocatoria, 6.000 accederán ao grao II, 3.000 ao grao III e 5.000 ao grao IV. Así, desde mañá día 1 de decembro, e até o 4 de xaneiro, os profesionais sanitarios poderán presentar as súas solicitudes a través do modelo normalizado dispoñible na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expediente-e/”solicitudes”).
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss