O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas de selección temporal das categorías de enfermeiro, enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e técnico en coidados auxiliares de enfermería.
A continuación, desglósase o número de inscricións xeradas por categoría:
Categoría |
N.º incricións |
ENFERMEIRO |
11.228 |
ENFERMEIRO DA FUNDACIÓN PÚBLICA URXENCIAS SANITARIAS-061 |
969 |
TÉCNICO EN COIDADOS AUXILIARES DE ENFERMARÍA |
12.397 |
Total |
24.594 |
As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (
www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Con esta publicación, dáse cumprimento ao disposto no apartado I, primeiro, 5) do Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19), pactado na Mesa Sectorial de negociación do persoal estatutario e publicado, recentemente, por Orde da Consellería de Sanidade do 27 de novembro de 2020, no que se prevé a anticipación da publicación dos resultados definitivos do proceso de actualización de listas de selección temporal das distintas categorías, priorizando as deficitarias.
Próximas publicacións
Proximamente publicaranse as listas provisionais das seguintes categorías: enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, enfermeiro especialista en enfermería pediátrica, enfermeiro especialista en enfermería do traballo, enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía, enfermeiro especialista en saúde mental, médico de familia, médico de urxencias hospitalarias e pediatra de Atención Primaria.