​O SERGAS RECIBE A MÁXIMA DISTINCIÓN DA REDE GLOBAL DE HOSPITAIS VERDES POLA SUA TRAXECTORIA EN FAVOR DUNHA SANIDADE COMPROMETIDA CO MEDIO AMBIENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 12 2020

 

 
A Rede Global de Hospitais Verdes e Saudables, un organismo internacional que agrupa aos centros e servizos de saúde máis comprometidos na loita contra o cambio climático e en favor dun mundo máis saudable, outorgou dous premios de ouro ao Servizo Galego de Saúde, polo conxunto de proxectos que veu desenvolvendo en favor dun sistema sanitario máis eficiente e sostible. A ampla lista de iniciativas ambientais do Sergas permitíronlle entrar a formar parte en 2019 da Rede de Hospitais Verdes e a súa organización Asistencia Sanitaria Sen Danos, e a través delas participar no pasado Cume do Clima, que se celebrou en Madrid.
 
Estes galardóns de ouro constitúen, polo tanto, o recoñecemento dunha traxectoria do Sergas que, dende hai practicamente dúas décadas, vén impulsando o desenvolvemento dunha sanidade centrada nas persoas, exemplar na xestión dos recursos e no uso de fontes enerxéticas eficientes a prol dun sistema sanitario sostible e respectuoso co medio ambiente.
 
A candidatura do Sergas baseouse na transformación que experimentou a sanidade pública galega desde a implantación en 2004 da Historia Clínica Informatizada (IANUS), e coa sucesiva adopción de medidas pioneiras como a Estratexia Sergas 2010-2014", que pon o foco de atención nunha sanidade ao servizo do paciente, para seguir evolucionando coa "Estratexia Sergas 2015-2020", "Hospital 2050", “Innovasaúde", "Estratexia de Humanización", Plan Integral de Eficiencia Enerxética (PIEE), "Plataforma Punto", "É-Saúde", e un longo etcétera de iniciativas innovadoras que promoven a sustentabilidade do sistema de saúde baseado na economía circular.
 
Precisamente para seguir avanzado nesta liña de actuación, o Sergas está a desenvolver actualmente a súa estratexia de economía circular coa que se pretende garantir a sustentabilidade actual e futura do sistema sanitario con actuacións de gran calado en materia ecolóxica, produtiva e social.
 
Os principais fitos obxecto de recoñecemento
Con estes premios, o Sergas obtén un recoñecemento internacional a toda unha serie de proxectos concretos, o primeiro dos cales representou en 2004 todo un fito a nivel estatal, ao poñer en marcha a historia clínica informatizada.
 
A esta acción pioneira en España seguiron diversas estratexias innovadoras dirixidas a centrar a atención da sanidade pública nos pacientes e en mellorar globalmente a saúde da cidadanía, que culminaron co deseño e progresiva implantación dun plan de humanización dirixido a lograr un sistema sanitario máis amable, accesible, próximo, respectuoso e humano.
 
Paralelamente a estes programas, que teñen ao paciente como eixo de actuación, leváronse a cabo actuacións moi destacadas para mellorar o consumo enerxético dos hospitais e rebaixar, dun xeito notable, a contaminación, implantando caldeiras de biomasa en máis de vinte edificios sanitarios. Todas estas medidas enmárcanse no Plan Integral de Eficiencia Enerxética, que converte á rede hospitalaria de Galicia nunha das máis limpas de Europa.
 
A lista de argumentos que se valoraron para outorgar os premios inclúe outras iniciativas vinculadas ou anexas á sanidade pública, como o labor da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Plan de Emerxencia Territorial, o Plan “Onda de Calor”, contra os posibles efectos das altas temperaturas na saúde da poboación, o proxecto Low Carbon do Hospital de Lugo, ou a plataforma loxística na que se centraliza a compra e distribución dos recursos necesarios para o funcionamento da asistencia sanitaria pública en Galicia.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss