O CHUF MELLORA A SÚA ACREDITACIÓN QH Ó RENOVAR CUNHA ESTRELA ESTE RECOÑECEMENTO Á CALIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 12 2020

​O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol mellora a súa acreditación QH (Quality Healthcare) de Excelencia en Calidade Asistencial cunha estrela. Así o recoñecían nun acto virtual que tiña lugar onte. O selo QH outórgao o Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS) tras analizar, comprobar e validar as evidencias achegadas relacionadas coa aplicación das normas de calidade no día a día. A acreditación QH, segundo eles mesmos describen, “é un recoñecemento a aqueles centros que, preocupados pola mellora continua da calidade, teñen decidido xestionar os seus procesos de xeito adecuado, e asumir aquelas certificacións oficiais que así o avalan”.

Os resultados, indicaron, foron de certificación "excelente", o que fai que o Comité Auditor  renove a súa acreditación mellorando o nivel grazas ó incremento da vixencia e o alcance dalgunhas das certificacións achegadas. É un sistema que recoñece a Excelencia na Calidade Asistencial a organizacións sanitarias que “entenden a calidade como unha cultura de mellora continua”, de feito, “un dos requisitos é manter un sistema de calidade progresivo e continuo no tempo, así como obter e manter as certificacións necesarias para evidenciar as máximas garantías ós seus procesos”.
 
Actividade diaria e outras certificacións permiten esta
A acreditación QH naceu para satisfacer a necesidade de dispor dun sistema que integre nun só datos os múltiples compoñentes da calidade. Para a creación deste sistema contouse coa colaboración da Asociación Española para a Calidade (AEC); da Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA), e dun panel de expertos de distintas comunidades autónomas de prestixio no eido da calidade nos servizos de saúde. Para que unha organización poida obter esta acreditación QH tivo que superar un “esixente proceso de avaliación”. O CHUF aportou a un comité auditor tódalas certificacións que ten outorgadas polos distintos estamentos e axencias acreditadoras recoñecidas oficialmente tanto a nivel nacional como internacional. Prioriza liñas de calidade asegurando que tódolos procesos sexan óptimos, e comprométese en obter as certificacións de calidade necesarias para dotar das máximas garantías os seus procesos. HQ, pola súa banda, certifica que os procesos e procedementos de calidade que se empregan no centro están debidamente avalados e recoñecidos oficialmente.
 
Así, a Área Sanitaria de Ferrol volve destacar no seu esforzo por imprimir calidade ós procesos asistenciais. Ó feito de ter sido pioneira en aplicar políticas de calidade tanto a nivel nacional como galego; e da alta participación dos profesionais en foros especializados neste ámbito, tamén fóra de Galicia, súmase agora este recoñecemento global e a súa renovación onte. Lembrar que a Área Sanitaria ferrolá conta con sete servizos certificados no Sistema de Xestión de Calidade, Lavandería, Farmacia, Análises Clínicas, Subministroacións, Microbioloxía, Admisión e Documentación Clínica, e Formación, que, tamén, eran os primeiros de Galicia en superar a auditoría externa de transición, e pasar de se rexer pola norma ISO 9001:2008 á UNE EN ISO 9001:2015, unha norma que afonda máis na análise de riscos, cunha visión máis global do entorno de cada un dos servizos, e unha implicación aínda máis ampla.
 
Traballar cun sistema de xestión de calidade supón que os servizos traballan recollendo toda a información relativa a esas tarefas, cunha análise continua das mesmas para manter as condicións desas acreditacións, con ferramentas de control sistemático e planificando moito máis as actividades. Neste senso, lembrar a aposta que se ten feito nesta Área por traballar con criterios de calidade: conta co primeiro servizo de Lavandería de España en obter un certificado de xestión de calidade, en febreiro do 2000; Farmacia, que foi tamén o primeiro en toda España, acadouno en marzo do ano 2001; o Laboratorio de Análises Clínicas era o primeiro do Servizo Galego de Saúde, en decembro de 2001; Subministracións certificouse no 2007; Microbioloxía, no ano 2012; Admisión e Documentación Clínica, no ano 2015; e o último en se incorporar é a Unidade de Formación, no ano 2017.
 
Ademais, foise evolucionando, adaptándose ás distintas circunstancias acaecidas ao longo dos anos, como o paso da norma ISO 9002:1994 á normativa ISO 9001:2000; ou a adaptación de toda a sistemática de calidade establecida, á estrutura derivada da creación da Área Sanitaria de Ferrol; a adaptación á ISO 9001:2008; ou, por último, a adaptación recente á ISO 9001:2015. O Sistema de Xestión de Calidade é un sistema vivo, que evoluciona en función das necesidades e circunstancias asistenciais da propia área.
 
Outro dos factores engadidos que consideraron para esta renovación QH foi tamén a certificación de calidade por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (Geteccu), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal, á Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. A Unidade do Complexo ferrolá era a primeira unidade de Galicia en se certificar e, ademais, co maior grao de excelencia;  e para a consecución desta certificación Buerau Veritas realiza unha auditoría na que se fai unha baremación de máis de 50 indicadores de procesos e resultados.
 
SAÚDOS, COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss