OS CONCELLOS DE VIVEIRO, VERÍN, MONTERREI, CASTRELO DO VAL, CUALEDRO, NOIA E LOUSAME PASAN AO NIVEL MÁXIMO DE RESTRICIÓNS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 12 2020

​O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de hoxe pola tarde, que os concellos de Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame, pasan ao nivel máximo de restricións. Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro forman un perímetro conxunto. O mesmo que fan Noia e Lousame.

Así mesmo, decidiu suavizar as medidas restritivas nos concellos de Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.
 

Igualmente, o comité clínico acordou que os concellos de Redondela, Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal pasan ao nivel medio alto de restricións.
 
Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de mañá martes e entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores.
 
Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss