O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de hoxe pola tarde, que os concellos de Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame, pasan ao nivel máximo de restricións. Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro forman un perímetro conxunto. O mesmo que fan Noia e Lousame.
Así mesmo, decidiu suavizar as medidas restritivas nos concellos de Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.
Igualmente, o comité clínico acordou que os concellos de Redondela, Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal pasan ao nivel medio alto de restricións.
Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.
Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de mañá martes e entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores.
Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.