O CONSELLEIRO DE SANIDADE VISITA O NOVO CENTRO DE SAÚDE DE MELIDE QUE COMEZARÁ A FUNCIONAR A PRINCIPIOS DE ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 12 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto,  visitaron esta mañá o novo centro de Saúde de Melide que está previsto que comece a funcionar nun prazo aproximado de dous meses. Acompañaron aos conselleiros nesta visita o alcalde de Melide, Juan Manuel Pérez Penas, e a xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloina Núñez Masid.

 
Na actualidade, o centro dá asistencia a unhas 7.000 tarxetas sanitarias pertencentes ao concello de Melide das que preto de 800 son pacientes en idade pediátrica. Así mesmo, as urxencias atendidas no Punto de Atención Continuada (PAC), dan cobertura a 9.400 cidadáns, xa que, ademais do concellos de Melide, tamén comprende aos de Toques e Santiso.
 
O centro de saúde construíuse nunha parcela de 4.968 metros cadrados que foi cedida polo concello. Ten unha superficie de 1.943 metros cadrados o que supón un incremento do 60,69% respecto da superficie do actual centro de saúde.
 
O novo edificio dispón de cinco consultas de medicina de familia e outras cinco de enfermería, unha consulta de pediatría e outra de enfermería pediátrica. Conta tamén cunha sala de toma de mostras, unha consulta de farmacia, unha de matrona e outra de traballo social. Ademais, dispón dunha sala de educación sanitaria, consulta de odontólogo e de hixienista e unha zona de fisioterapia cunha ampla sala para ximnasio, a maiores da consulta, ao que hai que engadir cabinas de tratamento e sala de espera. Tamén conta con salas de xuntas e descanso para o persoal, aseos, recepción, arquivos e almacén, entre outros espazos.
 
En canto ao PAC, disporá dunha consulta de medicina e unha consulta de enfermería, sala de reanimación-observación, recepción, aseos, vestiarios, esperas, tres dormitorios e sala de descanso do persoal.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss