UN TOTAL DE CINCO EMPRESAS PRESENTAN OFERTAS PARA EXECUTAR AS OBRAS DA REFORMA DA FARMACIA DO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 01 2021
​Un total de cinco empresas veñen de presentar ofertas para executar as obras de reforma da farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Para levar a cabo esta mellora, a Xunta destinará máis de 1,5 millóns de euros.
 

Esta obra incidirá en 725 metros cadrados da área de Farmacia do complexo hospitalario santiagués, dotándoa de catro zonas homoxéneas, que quedarán divididas en espazos para almacenaxe, vestiarios, salas para a elaboración de medicamentos e terapia xénica, e instalacións destinadas á farmacotecnia.

Ademais, estableceranse circuítos diferentes para cada un dos fluxos de produción, nomeadamente: materiais para fabricación, medicamentos elaborados, persoal e residuos. Estes circuítos evitarán posibles contaminacións, mantendo o criterio axeitado da cadea de presións, ben sexa para a fabricación de produtos estériles ou para o procesamento de produtos víricos, citotóxicos ou bioperigosos.
 
Deste xeito, a solución proxectada será un garante de seguridade que repercutirá nun triple eido, ao incidir nos pacientes, no persoal, e tamén ao medio ambiente.
 
O presuposto total da obra ascende a 1.519.437 euros, contando cun prazo aproximado de execución de catro meses.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss