A DEMORA MEDIA PARA UNHA INTERVENCIÓN CIRÚRXICA PRIORIDADE 1 NA ÁREA DE SANTIAGO MANTENSE NOS 15 DÍAS A PESARES DA PANDEMIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 02 2021

Nas circunstancias tan excepcionais na asistencia sanitaria do pasado ano 2020, os profesionais da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza realizaron un gran esforzo de organización para continuar a dar unha asistencia de calidade a todos os doentes que o precisaban. Así, deseñáronse novos sistemas de atención para adaptarse ás restricións. Para evitar unha confluencia inaxeitada de doentes nas salas de espera ao tempo que se mantiña unha atención de calidade, realizouse unha priorización estrita e buscáronse alternativas para preservar a seguridade dos doentes ante a infección pola covid-19.

No ámbito da Atención Primaria estableceuse como primeiro contacto sanitario a atención telefónica, continuada pola atención presencial en todos os casos necesaria, mentres que na atención hospitalaria, a atención de consultas externas e realización de probas diagnósticas implantou a consulta telefónica e intensificou o uso da e-consulta, con excelentes resultados asistenciais xa probados. Así mesmo estendeuse o horario de atención ás tardes e mesmo fins de semana para diminuír a confluencia dos doentes.

No referente ás intervencións cirúrxicas desenvolveuse un traballo de priorización para non parar en ningún momento as intervencións prioritarias (urxentes, oncolóxicas e en xeral aquelas cuxa demora comprometese o prognóstico do doente). Se ben, nos momentos máis duros da pandemia a necesidade de ter dispoñibles camas para os ingresos urxentes ralentizou o ritmo operatorio, nos períodos de mellora da situación epidemiolóxica tivo lugar un forte incremento da actividade para compensar a situación anterior. Aínda así, non se puideron recuperar as cifras de actividade anual acadadas no 2019, ano no que se acadaran cifras históricas de actividade e descenso nas esperas para unha intervención cirúrxica.
 
Actividade cirúrxica
As datos de lista de espera publicados hoxe na páxina web do SERGAS, que reflicten a situación de demoras hospitalarias en decembro de 2020, amosan que os doentes con prioridade 1 da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza non esperan máis pola súa operación a pesar da difícil situación do pasado ano. Mantense a espera en 14.9 días, mesmo lixeiramente inferior á do pasado ano e por debaixo do obxectivo marcado polo SERGAS.
 
A espera media para unha intervención cirúrxica é de 72 días, experimentando pois un paréntese no acusado descenso das demoras acadado nos últimos anos (no 2019 conqueríase unha diminución de ata 16 días respecto ao 2016). O 72.2% dos doentes esperan menos de 3 meses desde que contan coa indicación cirúrxica dun facultativo.
 
En total realizáronse 29.048 intervencións cirúrxicas, das que máis de catro mil foron urxentes.
 
A tendencia das demoras en consultas externas na área tamén continúa á baixa nos tempos medios de espera. Así as primeiras consultas médicas teñen unha demora media 32.8 días, seis días menos que o pasado ano. a decembro de 2020 había 13.875 doentes en espera dunha consulta médica, moi lonxe dos case 30.00 que agardaban a finais do 2019. Ao longo do pasado ano realizáronse máis de 700.000 consultas nas diferentes especialidades dos centros hospitalarios da área compostelá.
 
A demora media para os doentes que son atendidos polo proceso de vías rápidas continúa a estar por debaixo do15 días marcados como obxectivo polo SERGAS.
 
Así, o tempo medio de espera na vía rápida de cancro de mama a finais do 2020 era de 1.9 días, para cancro colorrectal de 4.3 días; cancro de próstata 7.2 días; cancro de vexiga 8.7 días; cancro de cabeza e colo, 6.8 días e melanoma, 11 días. Para as vías rápidas de lumbalxia, demencia e artrite non había demora. En 2020 un total de 2.758 doentes beneficiáronse deste procedemento preferente de atención e realización de probas.
 
Os hospitais de día hospitalarios puideron incrementar mesmo a súa actividade neste ano de pandemia. Así se realizaron 90.297 sesións (case dez mil máis que o exercicio anterior: 80.467).
 
A espera media para a realización dunha proba diagnóstica de radioloxía continúa a tendencia á baixa, diminuíndo en 3.8 días respecto o pasado ano (ao pasar de 53 a 49.2 días) e hai 1.619 persoas menos á espera da realización dunha proba. Esta redución na espera tamén se mantén en probas diagnósticas de tanto impacto diagnóstico como a Resonancia Magnética (espera media de 51.5 días, un día menos que o pasado ano) e TAC, cunha espera de 48.1 días, seis días inferior á do 2019). A realización dun PET segue sen amosar apenas espera, 3.6 días de demora media, que mesmo se reduciu á metade ao respecto do exercicio anterior.
 
Os indicadores totais de listas de espera pódense atopar na páxina web do Sergas https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Listas-de-espera.
 
Urxencias
A actividade de urxencias hospitalarias experimentou unha diminución de máis de cincuenta mil atencións, no 2020 acudiron 131.671 doentes aos servizos de urxencias do Hospital Clínico e do Barbanza. A porcentaxe de doentes que precisaron ingreso subiu máis de 3 puntos, ata acadar un 17.79%.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss