A AXENCIA GALEGA DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS E A UNIVERSIDADE DA CORUÑA ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA O FOMENTO DA DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 02 2021

​O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu, hoxe pola mañá, o acto de sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), e a Universidade da Coruña (UDC), para o fomento da doazón altruísta. O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Ernesto Abalde Alonso. Ao acto tamén asistiu a directora de ADOS, Marisa López García.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e a Universidade de A Coruña teñen unha longa traxectoria de colaboración no eido da doazón, que ámbalas dúas institucións queren impulsar e poñer en valor. Por este motivo, asinase este acordo de colaboración que amosa a súa firme vontade de facilitar e fomentar as máis fluídas relacións, a fin de potenciar liñas de interese común, no impulso, sensibilización e promoción da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da UDC.
 

Ambas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que forman a UDC, con periodicidade anual, artelladas en dúas fases: primeira fase: meses de setembro, outubro e novembro; e, segunda fase: meses de febreiro, marzo e abril. Compre remarcar que, na campaña universitaria de doazón en Galicia obtivéronse, no último curso avaliado, 4.601 doazóns, e que, unha parte moi importante dos novos doadores, proveñen desta solidaria iniciativa.

Ampliar e rexuvenecer

ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue de Galicia, para poder facer fronte aos requirimentos transfusionais que se precisan para desenvolver os programas asistenciais da nosa comunidade, cun complexo balance sociodemográfico.
 

Asemade, estanse a establecer, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta de órganos e medula ósea dende a comunidade universitaria da UDC.

A Universidade da Coruña colaborará na difusión dos materiais educativos de ADOS, facilitando o uso das súas plataformas de comunicación, así como cos recursos e programas da súa Oficina UDC Saudable e da Oficina de Cooperación e Voluntariado. Doutra banda, ADOS continuará a impartir as charlas formativas e informativas ao alumnado.

 

O sangue é un elemento imprescindible, que non se pode fabricar, e que todos os días do ano necesitan moitas persoas que van ser sometidas a intervencións cirúrxicas ou transplantes, ou ben sufriron accidentes ou enfermidades crónicas, aínda mais neste tempo de pandemia.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss