PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL REALIZARON UN TOTAL DE 8.112 CIRURXÍAS NO CHUF NO PASADO ANO 2020
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 02 2021

​Os e as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol realizaron un total de 8.112 intervencións cirúrxicas no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol durante o pasado ano 2020. Deste total, 1.514 foron intervencións con carácter urxente, e no 43% non foi necesario o ingreso hospitalario, realizándose con cirurxía maior e menor ambulatoria. Son só un 13% menos de cirurxías que no ano inmediatamente anterior 2019, a pesar da aparición do coronavirus e da paralización que supuxo a aparición do coronavirus. As cirurxías flutuaban no entorno de 700 cirurxías ó mes, excepto en marzo e abril, meses que se situaban nunha media de 400 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol por mor da irrupción da Covid.

Ata hai unhas semanas, o hospital mantiña a súa actividade cirúrxica ordinaria e continuaba co esforzo dos e das profesionais en dar resposta á selección de pacientes prioritarios. Nestas semanas, a incidencia máis alta que nunca de casos positivos Covid, incluso maior que a de áreas máis grandes, de ingresos hospitalarios e de ingresos en Críticos, reducía a actividade cirúrxica. De novo a pandemia por segunda vez obriga a diminuír a actividade. Na procura de garantir a atención dos pacientes, trabállase coa actividade no marco do concerto habitual co Hospital Juan Cardona, hospital libre de Covid, xa que os casos positivos se aglutinan no Complexo.
 
No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol estanse a facer as cirurxías de Urxencias e complexas; e, a maiores, esta mesma semana que entra os especialistas cirúrxicos da nosa Área, nas especialidades de Cirurxía Xeral e Dixestiva, Uroloxía, Xinecoloxía e Otorrinolaringoloxía, comezarán a traballar no Hospital Juan Cardona. Estes facultativos do CHUF empregarán o entorno deste centro concertado coa Área para dar resposta ós pacientes priorizados que tratan e que requiran con máis premura unha intervención cirúrxica.
 

Estas intervencións no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol requirirían a ocupación posterior de reanimación por períodos longos, espazos que se transformaron pola necesidade de atención de críticos Covid. Con todo, para poder dar resposta ó paciente, que é o prioritario, habilítase esta fórmula de abordaxe cos recursos especializados do Complexo no ámbito hospitalario do centro concertado.
 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN DA ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss