O SERGAS CONVOCA A Ó REDOR DE 3.000 PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL A UN CRIBADO DE DETECCIÓN DA COVID CON MOSTRA DE SALIVA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 02 2021

​O Sergas convoca en torno a 3.000 profesionais da Área Sanitaria de Ferrol para a realización dun cribado de detección da Covid con mostra de saliva. Estes días chegábanlle as instrucións ó respecto, onde coller o tubo e depositalo trala toma da saliva nel; e comezaban tamén a recibir o SMS personalizado. Este sistema é novidoso na Área para cribados masivos, pero xa hai meses que serve para detectar positivos nos controles semanais dos centros sociosanitarios.  Realízanse mediante a recollida dunha mostra de saliva de primeira hora da mañá, nun tubo especialmente asignado para iso. No SMS, indícanse as instrucións para a activación do código de identificación do tubo; e, unha vez realizadas e depositadas as mostras nos puntos de recollida asignados nos centros sanitarios, envíanse ó Hospital Álvaro Cunqueiro da área sanitaria viguesa para o seu procesado masivo coa técnica de pooling.

A identificación da mostra realizarase mediante a asignación dun código persoal que como se dicía é enviado ó teléfono móbil persoal vía SMS. Nos distintos centros sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol, centros de saúde e os tres hospitais do Complexo Hospitalario Universitario, distribuiranse os tubos necesarios entre os días luns 8 e mércores 10 de febreiro. Posteriormente, son os propios traballadores os que recollen a mostra na súa casa, e activan a codificación na aplicación habilitada para iso. Os e as profesionais teñen información e vídeos explicativos ó respecto no espacio propio da intranet.
 
É necesario recoller a saliva ó se erguer en xaxún. Non se pode beber nin lavar os dentes antes da recollida da mostra. Non carraspear. É importante que a saliva non teña mucosidade; e recollerase unha cantidade de saliva ata o borde inferior da etiqueta do tubo. Estas son as instrucións básicas para a toma da mostra de saliva. Unha vez realizada esa toma, e a aplicación da identificación, os tubos serán recepcionados nos distintos puntos habilitados nos centros sanitarios, onde xa se recolleran previamente os tubos baleiros, para saír con destino ó Laboratorio do centro vigués para o seu procesamento.
 
Cribado poboacional de mostra saliva en Fene
O Sergas diversifica esta semana considerablemente as ferramentas para a detección precoz na Área Sanitaria, e que se suman ás xa empregadas en anteriores semanas. Esta mesma técnica é a que o departamento sanitario da Xunta de Galicia empregará igualmente para a realización do cribado de máis de 7.700 persoas convocadas de entre 15 e 65 anos, do Concello de Fene, e que se realizará tamén ó longo desta vindeira semana. Para levar a cabo esta iniciativa preventiva, a administración sanitaria conta cun cadro de 11 profesionais, coordinados por un médico, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, procesado das tomas de mostras, e información ás e ós usuarios convocados. Neste ámbito, agradecer a colaboración do Concello de Fene no establecemento de circuítos no seu concello para facilitar este cribado masivo, que se emprazará na Avenida do Mar, en San Valentín, na explanada entre o pavillón deportivo e o CEIP A Xunqueira.
 
O cribado realizarase durante toda a vindeira semana, e estas 7.700 persoas adscritas ós centros sanitarios do Concello de Fene serán convocadas tamén por SMS. Este cribado voluntario comezará o luns 8, ás 10 da mañá, coa recollida do tubo para a toma de mostra de aproximadamente 2.150 persoas que comenzan na primeira quenda, e que lles corresponderá depositar a mostra ó día seguinte. Neste primeiro día luns, só se recollerán os recipientes para depositar a mostra. Durante os tres días seguintes haberá dos circuítos polo que pasarán un número semellante de persoas ata completar a totalidade: un circuíto para a recollida do tubo; e outro para a entrega da mostra unha vez realizada na casa. A mañá do venres 12 será o derradeiro día destinado a recoller as mostras das últimas persoas que recollían o tubo o día anterior.
 
Como se adiantaba, os resultados das mostras, serán procesadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo polo sistema de pooling, e, serán comunicados ós usuarios por SMS, sempre que estes foran negativos. No caso de resultar positivos, estas notificacións comunicaranse de xeito individual a cada cidadán.

SAÚDOS, 
COMUNICACIÓN DA ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss