O CENTRO DE VIGO DO GRUPO PSA ACUMULA 67.279 DOAZÓNS E CONSOLÍDASE COMO A EMPRESA ESPAÑOLA DE MAIOR PARTICIPACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 02 2021

​A primeira campaña de doazón de sangue que este ano desenvolveu a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), nas instalacións do Centro de Vigo do grupo PSA, e que tivo lugar os días 26, 27, 28 de xaneiro e 4 de febreiro concluíu cun excelente resultado de 798 traballadores e traballadoras que doaron sangue e que supón ter acadado unha cifra de participación con 67.279 doazóns dende o ano 1995.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere por en valor a contribución dun dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, dende sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón tanto de sangue como de órganos.
 
Traxectoria solidaria
Hai 26 anos, o Centro de Vigo do grupo PSA comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas dende a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa con maior número de doazóns.
 
Salientar que grazas á colaboración dos 798 profesionais do Centro de Vigo do grupo PSA que doaron sangue nesta primeira campaña do ano promovida por ADOS, poderanse realizar por exemplo máis de 355 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 160 enfermos oncolóxicos.
 
Sensibilización e colaboración
A dirección de ADOS quere por en valor este ano máis ca nunca, a implicación e compromiso do Centro de Vigo do grupo PSA co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue que teñen permitido que, ao longo destes últimos 26 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra de 67.279 doazóns que a sitúan como referente social de primeira orde no ámbito do altruísmo.
 
Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección do Grupo PSA de Vigo e a todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue. 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss