O CONSELLEIRO DE SANIDADE ANUNCIA A LICITACIÓN DA REFORMA DA UCI DE ADULTOS DO HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO NA QUE A XUNTA INVESTIRÁ 1,2 MILLÓNS DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 02 2021

 

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no Parlamento de Galicia, que o seu departamento vén de licitar as obras de reforma da UCI de adultos do Hospital Clínico Universitario de Santiago, nas que a Xunta de Galicia ten previsto investir un total de 1,2 millóns de euros.
 
Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, estas obras tan agardadas, especialmente polo persoal do servizo, foron xa publicadas no perfil do contratante da Xunta de Galicia para que, nuns meses, se poida iniciar a súa execución.
 
A reforma da UCI permitirá crear boxes individualizados, mellorando a hospitalización dos pacientes e, tamén, as condicións nas que realizan o seu traballo os profesionais deste servizo.
 
O conselleiro de Sanidade remarcou que a reforma da UCI, xunto coa reforma do servizo de farmacia, a creación da nova da unidade de ictus, a implantación da tecnoloxía Hifu para pacientes  de párkinson, ademais da xa concluída reforma e ampliación de urxencias, constatan o compromiso do Goberno galego en ampliar e mellorar as prestacións do hospital santiagués, e, sen dúbida, son un exemplo do esforzo de investimento que a Xunta de Galicia está a realizar nos centros hospitalarios de Galicia.
 
Así, no orzamento   do presente ano, o Goberno galego ten incluída unha partida de 10 millóns de euros para as diferentes reformas comprometidas.
 
Proxecto de ampliación
O máximo responsable da sanidade pública galega tamén sinalou que está previsto que se acabe de definir o proxecto básico de ampliación do Hospital Clínico, que converterá a este centro sanitario da rede do Sergas nun hospital de futuro, adaptado ás novas e crecentes necesidades da área.
 
Cun orzamento previsto de 50 millóns de euros, crearanse novos andares de hospitalización. Tamén, en contigüidade coas urxencias actuais, localizarase unha nova área de urxencias pediátricas, deixando espazo dispoñible para futuras ampliacións. Asemade, no lugar que deixa a actual urxencia pediátrica crearase un novo espazo para urxencias de adultos.
 
Así mesmo, contará con novos quirófanos e un área de espertar, ademais dunha nova zona para as endoscopias, dixestivas, urolóxicas e pneumolóxicas. Terá, tamén, seis novas unidades de hospitalización, cinco polivalentes e unha hematolóxica.
 
No segundo bloque de consultas externas con cinco andares, e construído en contigüidade co actual edificio, situaranse as consultas de cirurxía plástica, maxilofacial, unidade da dor, preoperatorio, pneumoloxía e alerxia. Neste edificio, tamén se emprazará un hospital de día médico polivalente, ademais dos apoios, e a gardería do persoal do hospital.
 
En consecuencia, -rematou o conselleiro-, os vindeiros meses constituirán un importante cambio para o hospital, que reverterá nunha mellora da atención para a cidadanía de Santiago e a súa área de influencia.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss