O SERGAS CONTINÚA TRABALLANDO NA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL MEDIANTE A CONVOCATORIA DE 125 PRAZAS FIXAS EN DIVERSAS CATEGORÍAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 02 2021

​O Servizo Galego de Saúde segue a traballar na inclusión laboral total das persoas con discapacidade intelectual, mediante a convocatoria de prazas en diversas categorías, tanto fixas como temporais. Así o referiu hoxe a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, na súa intervención na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia.

Comesaña informou que o próximo día 24 vaise publicar a lista dos 11 aspirantes con discapacidade intelectual que conseguiron praza fixa como técnicos en coidados auxiliares de enfermería, nos exames realizados en febreiro de 2020 e tras a aplicación do correspondente baremo de méritos. Así mesmo destacou que, nos vindeiros días, concretarase a data para os exames de persoal de servizos xerais (PSX), que inclúen unha quenda diferenciada para discapacidade intelectual, cun total de 9 prazas para  148 candidatos. Cómpre subliñar que estes exames, que previsiblemente serán en abril, serán as primeiras probas realizadas durante a pandemia da covid-19.
 

Tamén están pendentes, pero neste caso da publicación dos listados de admitidos, os 186 inscritos para as 39 prazas de pinche e os 10 inscritos para as 10 prazas ofertadas de técnico en farmacia. Se a estas cifras sumamos ós 30 profesionais, adxudicatarios das prazas da primeira oferta de selección fixa para a categoría de celador pola quenda de discapacidade intelectual, que se incorporaron aos seus postos en outubro, o número de prazas ofertadas en total ascende a 125.

Ana Comesaña destacou que tamén se iniciou un procedemento para a inscrición nas listas de selección temporal de celador, para persoas con discapacidade intelectual. A falta de publicar o listado provisional de admitidos e excluídos, rexistráronse 281 solicitudes. Está previsto que as listas definitivas entren en vigor antes deste verán.
 

A Consellería de Sanidade ten subscritos varios convenios de colaboración con diversas institucións e entidades, como Down Galicia, Fademga Plena Inclusión Galicia e Aspace Galicia para realizar actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no sistema sanitario público galego.

Esta colaboración esténdese tanto no relativo as medidas de adaptación para a realización das probas selectivas nas ofertas públicas de emprego, como no proceso de inserción e adaptación efectiva aos seus postos de traballo.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss