O SERGAS INVISTE MÁIS DE 540.000 EUROS PARA O EQUIPAMENTO DOS ESPAZOS PROVISIONAIS NO NAVAL NO MARCO DO PLAN DIRECTOR DO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 02 2021

​O Servizo Galego de Saúde realiza un primeiro investimento dun total de 540.225 euros na compra de equipamento e mobiliario xeral e clínico dos servizos provisionais de Farmacia, Microbioloxía e Hospital de Día que se están case a rematar xa no Hospital Naval, no marco do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Xa case está lista a obra, e faise necesaria, entre outras cousas, a compra de armarios, mesas, carros unidose, neveiras para o transporte de medicación, e cámaras frigoríficas. Neste investimento do departamento sanitario da Xunta de Galicia tamén se inclúen armarios de dispensación automatizada para a Unidade Paliativos e o Servizo de Urxencias, por valor só eles de máis de 140.000 euros.

Lembrar que a obra e habilitación destes tres espazos provisionais, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Microbioloxía, e Farmacia, son necesarios para seguir a liberar estes ámbitos no Hospital Arquitecto Marcide e dar continuidade así á Fase I do Plan Director, que non cesou durante estes meses de pandemia. Espérase a recepción destas obras no primeiro cuadrimestre do presente ano.
     
Outra das novidades destes días no marco do Plan é a modificación esta semana no acceso ó Servizo de Urxencias mentres se realizan as actuacións previas á acometida do segundo edificio na parte posterior, e que implica que a saída e entrada de vehículos se produza en paralelo á entrada actual. Así, empregarase a mesma única rampla de acceso frontal a este Servizo do edificio tanto para a subida e chegada habitual de vehículo as Urxencias como tamén para a baixada dos mesmos.
 
Accións previas no Hospital Naval do CHUF
Así, contextualizando a situación actual do Plan Director no Hospital Naval, o baleirado de espazos do andar 0 deste centro de cara a Mariñeiría, permitiu comezar coa mencionada Farmacia Provisional. Seguen igualmente os traballos tamén no andar 1, onde estaba Pediatría (que foi trasladada ó terceiro andar) para acoller o Hospital de Día Onco-Hematolóxico provisional. Outra das accións que se está a desenvolver en paralelo é o Laboratorio de Microbioloxía, no andar 2. Ámbalas tres intervencións no Hospital Naval son provisionais e logo pasarán de novo ós edificios do Hospital Arquitecto Marcide, e son as que se estima rematen a obra neste cuadrimestre.
 
Como segue o Plan no Hospital Arquitecto Marcide
Pola súa banda, no Hospital Arquitecto Marcide, séguese a intervir nos espazos liberados no soto polos departamentos que se trasladaron a Mariñeiría (como Servizos Xerais). Xa se fixo a demolición nunha parte do espazo que acollerá o novo Servizo de Radiodiagnóstico. Neste senso, tamén se actúa na prancha dos xardíns principais da fachada do Hospital Arquitecto Marcide, onde se situaron os módulos de almacenaxe e residuos, que foi necesario trasladar do soto para seguir avanzando nestes citados espazos de Radiodiagnóstico.
 
Están feitos xa os accesos na variante da vía para facilitar o fluxo interno de tráfico no  recinto durante as obras; e estableceuse unha rampla unidireccional de saída de subministracións, almacén e mercadorías para axilizar o tráfico interno. A súa saída é pola parte inferior da parcela do hospital, á rúa Irmandade de Doadores de sangue. Ó finalizar as obras, esta zona será a destinada a área reservada para subministracións do hospital, por onde se xestionará tanto a entrada de subministracións como a retirada de residuos do Hospital. Nesta Área xa se está demolido un anexo do edificio.
Recordar que agora mesmo, na fachada en paralelo están as dúas entradas, a vía cara Urxencias (da que se dá conta hoxe de que se desprazou e agora se produce tanto a entrada como a saída de vehículos deste servizo pola mesma rampla); e a vía por onde entran as subministracións, vehículos que saen por Irmandade de Doadores de Sangue.

Entre estes fluxos, o da rampla para subministracións e almacén e o da rampla para Urxencias, xa están as máquinas a traballar nun dos dous novos edificios, que pasou de ser unha base nos cimentos a se ver xa unha estrutura alzada. Todas estas accións están enmarcadas en plena Fase I do Plan Director. A primeira fase, que suman preto dos 58 millóns de euros, implica a construción de dous novos edificios.
 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss