A ADMINISTRACIÓN DA VACINA FRONTE Á COVID EN MAIORES DE 80 ANOS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL COMEZA O VINDEIRO LUNS EN 10 CENTROS DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 02 2021

​A administración da vacina fronte á Covid en persoas maiores de 80 anos comeza o vindeiro luns 22 de febreiro na Área Sanitaria de Ferrol. Durante a primeira semana, vacinaranse no entorno de 2.000 persoas nos puntos de vacinación que haberá en 10 centros de Atención Primaria da Área, coincidentes na maior parte dos casos cos Servizos cabeceira: será nos centros de saúde de Fontenla Maristany, Caranza e Serantes, en Ferrol; Narón, Cedeira, Fene, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes e San Sadurniño.

Un equipo de 8 integrantes do persoal administrativo comezaba a citar dende este mércores, mañá e tarde, a estas 2.000 primeiras persoas desta franxa de idade. Os chamamentos para a cita arrincaron coas persoas con apelidos que comezan pola letra H, elixida por sorteo ante notario na Consellería de Sanidade a pasada semana, e seguirán a orde alfabética ata completar a citación. Para a organización do operativo estanse a seguir as instrucións do Plan Galego de vacinación Fronte ao SARS-CoV-2 da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, así como da Estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade, xa que dada a limitación actual do número de vacinas, é preciso organizar tendo en conta a dispoñibilidade limitada cada semana. Para o inicio da vacinación dos maiores de 80, a Área Sanitaria ferrolá disporá de doses da vacina de Pfizer.
 
Tal e como se recolle na instrución, con anterioridade ó día da cita de vacinación, o primeiro contacto cos usuarios será realizado telefonicamente polo equipo de citación especial, formado polos citados 8 profesionais, incluído o coordinador, todos eles persoal administrativo de Atención Primaria. Unha vez fixada a data, as listaxes de usuarios e usuarias citadas estarán a disposición do persoal médico e de enfermaría do seu centro de saúde de orixe, así como do persoal de administración e servizos (PSX), que serán os que reconfirmen as citas diarias, nunha segunda chamada, co obxectivo de lembrar esta e axustar ó máximo as doses a dispensar.
 
Na Área Sanitaria ferrolá, hai destinados na actualidade seis equipos de vacinación, integrados por dúas profesionais de Enfermaría formados especificamente para a realización da protección fronte a Covid. Son un total de 12 profesionais de Enfermería que forman estes equipos de vacinación Covid que se reparten entre as tarefas de vacinación do Complexo, onde contan tamén co apoio de Prevención de Riscos Laborais e Medicina Preventiva, e das de inmunización nos centros de saúde da nosa Área que comezan o luns.
 
A poboación de 80 anos ou máis na Área Sanitaria Ferrolá ascende a un total de 16.652 persoas. Distribúense nos distintos servizos e centros de Atención Primaria de xeito que a Fontenla Maristany en Ferrol corresponden un total de 3.999 persoas deste grupo etario; en Caranza en Ferrol, 846; en Serantes en Ferrol, 578; en Narón, 3.793; en Cedeira, 646; en Fene, 2.320; en Ortigueira, 1.442; en Pontedeume, 1.370; en As Pontes, 846; e en San Sadurniño, un total de 812 persoas de 80 ou máis anos.
 
Campaña de vacinación fronte a Covid na Área Sanitaria
Lembrar, en termos xerais, que a segunda dose de vacinación fronte a Covid nos centros sociosanitarios da Área Sanitaria de Ferrol remataba case na súa totalidade nos primeiros días de febreiro. Está pechada tamén, cumprindo con cronograma previsto nos primeiros grupos, a vacinación do grupo 2 que eran os profesionais de departamentos de primeira liña de tódalas categorías, sanitarios e non sanitarios, e dos centros de saúde e dos hospitais. a Na actualidade, continúase coa vacinación dalgunhas das persoas destes grupos que por distintos motivos -ser positivos ou estar con síntomas, por pór un exemplo- non se puideron vacinar.
 
Ademais, os equipos de vacinación están a traballar activamente na vacinación do grupo 3, que se corresponde co resto dos e das profesionais dos centros sanitarios. Iniciábase igualmente a pasada semana a vacinación das persoas menores de 55 anos dos Servizos de Axuda no Fogar, cos listados facilitados polos Concellos, neste último caso coa vacina de Astra Zéneca.
 

Administráronse xa un total de 10.599 vacinas fronte a Covid na Área Sanitaria de Ferrol dende o primeiro día, 29 de decembro de 2020. Un total de 4.060 persoas teñen xa administrada a segunda dose que completa a súa vacinación.
 

SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss