A XUNTA DE GALICIA REFORMARÁ ESTE ANO O CENTRO DE SAÚDE DE RIBADAVIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 02 2021

A Xunta de Galicia reformará este ano o Centro de Saúde de Ribadavia por medio dun investimento de 351.500 euros, que permitirán levar a cabo un proxecto de rehabilitación e renovación, que actuará sobre 2.800 metros cadrados de superficie, e que foi presentado hoxe na vila polo Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O obxectivo principal das obras, que se licitarán nos próximos días e rematarán este mesmo ano, consisten na rehabilitación integral do exterior e illamento térmico do edificio, mediante a substitución da súa cuberta e envolvente exterior, cerramentos, carpintería metálica, renovación do sistema eléctrico e mellora da súa accesibilidade, cun novo deseño de ramplas exteriores e instalación de baños adaptados en todas as plantas.
 
O conselleiro de Sanidade destacou que con este proxecto cúmprese o compromiso expresado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ante unha petición  moi demandada polos veciños de Ribadavia. Asemade, Julio García Comesaña destacou que esta actuación, terá continuidade, cunha segunda fase de reformas centradas na mellora da distribución e funcionalidade interior.
 
Segundo explicou o arquitecto encargado do proxecto de rehabilitación, Herique Ferro Cruz, as obras permitirán un illamento térmico integral. Para elo, substituíranse as chapas metálicas da cuberta por paneis sándwich, con illamento térmico no seu interior e, tamén, os cerramentos verticais -ou envolvente exterior- incluindo o cambio da carpintería metálica por fiestras con persianas e vidros dobres, baixo emisivos. 
 
Asemade detallou que se substituirán as lamas de protección solar existentes por uns novos perfís de aluminio, de sección elíptica, que permiten unha maior visibilidade exterior, sen reducir o control nin a luz solar, ademais de facilitar a limpeza, mantendo unha imaxe horizontal mais uniforme do edificio. Igualmente, renovarase a pintura do interior do centro e realizarase unha reforma para dotalo de aseos adaptados en todas as súas plantas.
 
Investimentos na provincia de Ourense
Julio García Comesaña destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa provincia de Ourense, Área Sanitaria na que está prevista a ampliación do Hospital Universitario de Ourense, con 9 millóns de euros no orzamento deste ano para as primeiras actuacións, nun centro no que xa se investiron, a pasada lexislatura, 47 millóns de euros, para a construción, posta en marcha e equipamento do edificio de hospitalización, incluindo a nova cociña central ou a segunda resonancia magnética.
 
Ademais da ampliación do hospital de referencia provincial, tamén están en marcha obras de mellora nos dous hospitais comarcais. En concreto no Hospital Comarcal de Valdeorras os próximos días inicianse a reforma das consultas externas, e outra no Hospital de Verín onde xa está adxudicado o proxecto de reforma das urxencias.
 
Comesaña subliñou igualmente que Atención Primaria ven de poñerse en marcha o novo Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar, e en breve comezará a funcionar tamén o novo Centro de Saúde de Paderne, un proxecto de 600.000 euros que estará en funcionamento as vindeiras semanas.
 
Outras reformas importantes previstas serán as do Centro de Saúde de Arnoia, a licitación, en 2021, dun novo centro en A Rúa, e un novo Centro Integral de Saúde (CIS) na cidade de Ourense.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss