A CONSULTA MONOGRÁFICA DA ESCLEROSE LATERAL AMIOTRÓFICA (ELA) DA ÁREA ATENDEU A 86 PERSOAS DENDE A SÚA CREACIÓN HAI CINCO ANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 02 2021

​A consulta monográfica de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol atendeu a un total de 86 persoas dende a a súa creación hai, xusto este mes, cinco anos. As persoas da Área Sanitaria ferrolá diagnosticadas beneficiábanse da creación dunha consulta monográfica sobre esta enfermidade que tiña como obxectivo facilitar o acceso nun só día a todas as especialidades que requiren. Estes pacientes, pola evolución da enfermidade, teñen que realizar visitas ata como mínimo en tres especialidades distintas, coas súas correspondentes probas, e nesta consulta son atendidas nun só día, un venres cada mes.

Inicialmente estaba configurada para dar soporte a pacientes con ELA, pero ampliouse para cubrir as necesidades doutras patoloxías neurodexenerativas evolucionadas con síntomas semellantes. Na actualidade, estase a atender a un total de 50 pacientes con ELA e outras distrofias ou atrofias músculo espinais. Ofrécese unha atención multidisciplinar na que o especialista en Neuroloxía mantén unha permanente coordinación cos Servizos de Endocrinoloxía e de Pneumoloxía, xa que ata un 80% de pacientes pode precisar algún tipo de intervención nutricional; ou o 46% algún tipo de soporte ventilatorio.
 
Estas eran as especialidades máis implicadas inicialmente, e ás que se unen agora tamén  durante estes cinco anos Rehabilitación, Saúde Mental ou Traballo Social, ademais dos servizos transversais como Radioloxía ou Laboratorios. Ademais, existen profesionais referentes para os pacientes, así como unha enfermeira de enlace do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o que permite unha asistencia moito máis áxil en todo o proceso. Os pacientes da área sanitaria contan igualmente cun número de teléfono ó que chamar ante calquera dúbida.
 
Estes profesionais implicados destacan, na semana na que se cumpren cinco anos de actividade, que “esta atención multidisciplinar e multiprofesional contribúe a humanizar a atención. Procuramos potenciar a accesibilidade, e crear unha relación de confianza co paciente e as súas familias”. A pandemia non parou a actividade desta consulta monográfica.
 

 

Atención das distintas disciplinas e proceso
A ELA é unha enfermidade dexenerativa de tipo muscular, e orixínase cando as células do sistema nervioso, denominadas motoneuronas, diminúen gradualmente o seu funcionamento provocando unha parálise muscular progresiva. Existen dúas formas, a esporádica, que comprende entre o 90% e o 95% dos casos, e non ten carácter hereditario; e a familiar, que abrangue entre o 5% e o 10% dos afectados, e ten un compoñente familiar. Como xa se mencionou, durante a evolución desta enfermidade, os pacientes teñen a necesidade de ser atendidos por distintos facultativos especialistas, xa que poden presentar dificultade para respirar, chegando a precisar ventilación mecánica; ou tamén dificultades de deglución.
 
Os pacientes aténdense de xeito programado cada dous ou tres meses, segundo o caso; e, tamén, a demanda en función das necesidades ou por calquera eventualidade que poidan presentar. O día da cita coordínanse as consultas, probas e exploracións pertinentes cos especialistas, que son os que acoden ó primeiro andar do Centro de Especialidades do Complexo para que os pacientes non teñan que se desprazar. “Establécese así un referente para o paciente e a súa familia”, explican dende esta Unidade.
 
Nun Comité Interdisciplinar revísanse todas as consultas anteriores de cada paciente e repásanse novos diagnósticos ou incidencias. Se a persoa precisa valoración doutra especialidade non tan directamente implicada na Unidade, como por exemplo, Uroloxía, téntase unila tamén á consulta. Xunto con isto, os profesionais tamén teñen sesións formativas cos seus compañeiros da Atención Primaria que contan con pacientes no seu centro de saúde. “Tamén temos contacto co equipo de Crónicos da Área e coa Asociación de pacientes AGAELA, que nos transmiten moitas das súas inquedanzas e nos axudan a mellorar”, engaden.
 
“Desgraciadamente, non temos un tratamento curativo, pero os profesionais que integramos a consulta, traballamos e nos formamos co obxectivo de mellorar a calidade de vida destes pacientes e dos seus familiares; e para obter un mellor coñecemento e contribuír nun futuro, por que non, á súa cura”, rematan dende esta consulta monográfica multidisciplinar.

 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss