O SERGAS PORÁ EN MARCHA UNIDADES MULTIDISCIPLINARES DE SEGUIMENTO DE PACIENTES COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 02 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, a petición propia, para continuar cumprindo o compromiso da Xunta de Galicia de proporcionar á Cámara galega información periódica sobre a situación da pandemia na nosa comunidade, a súa evolución, así como os avances realizados no Plan galego de vacinación.

Nesta comparecencia, García Comesaña anunciou que o Sergas vai poñer en marcha unidades de seguimento multidisciplinares para os pacientes covid, nas que se levará a cabo unha abordaxe integral. A tal efecto, é necesario contar cun protocolo de atención a estes pacientes e cun plan funcional que abrangue os recursos de atención primaria e hospitalaria. As unidades estarán formadas por especialistas en medicina interna e pneumoloxía, atención primaria, enfermería, e contarán cun coordinador. Ademais, crearase un comité clínico post covid para atender e facer seguimento dos casos máis complexos.
 
Tal e como sinalou o conselleiro, cos pacientes que non requiriron hospitalización continuarase co seguimento dende primaria e, no caso de pacientes hospitalizados, o seguimento farase directamente dende a unidade, a través do programa TELEA, ou do teléfono, e con consultas presenciais. É necesario abordar a atención a estes pacientes dun xeito eficiente, e dunha forma homoxénea, estandarizada e de máxima calidade, unha vez superen a fase aguda da enfermidade.
 
Tamén anunciou García Comesaña, un Plan de recuperación da actividade, dotado con 15 millóns de euros, para abordar a actividade pendente que tivo que ser suspendida como consecuencia da covid, e recordou que non se suspendeu a actividade cirúrxica nos centros hospitalarios, senón que se aproveitou para poder avanzar en cirurxías ambulatorias. Este plan de recuperación abordarase reforzando o concepto de hospital único, para permitir optimizar toda a capacidade do sistema. Tamén destacou que o Sergas cumpriu, en todo momento, coa realización de probas diagnósticas urxentes e de todas as recollidas no Decreto de garantías de tempos máximos.
 
Sinalou, así mesmo, que o seu departamento xa ten deseñada unha nova aplicación Sergas Móbil, na que introduciranse novas facilidades, como o acceso á tarxeta sanitaria virtual, e tamén á videoconsulta. Con isto, preténdese achegar máis a sanidade á cidadanía; aínda que o compromiso do conselleiro é acadar a maior porcentaxe de presencialidade, de feito, os datos de finais de ano amosan que case un 40% das consultas de médicos de primaria xa foron presenciais.
 
Outra iniciativa que anunciou o conselleiro na comparecencia é o inicio dos traballos para contar, canto antes, cunha Estratexia de Saúde Integral, que será un documento reitor no que se fixen as prioridades sanitarias, os medios para abordalas e resultados en saúde para avalialas. García Comesaña amosou a súa intención de retomar, canto antes, o proceso de cambio do modelo cara unha atención primaria onde se priorice ao paciente, e os sanitarios conten con todos os recursos para iso.
 
Situación epidemiolóxica
Respecto da situación epidemiolóxica, o titular da carteira sanitaria sinalou que está a ser positiva á vista dos datos de redución da incidencia acumulada, dos casos activos ou da porcentaxe de positividade das probas. Esta evolución, -dixo o conselleiro-, é a que trae como consecuencia a adopción de medidas na liña de ir reducindo gradualmente o nivel de restricións na actividade e na mobilidade social.
 
O máximo responsable sanitario fixo unha chamada á prudencia. Así, subliñou que “desde a Xunta podemos ir mudando a intensidade das restricións  pero o que nunca mudamos é o nivel de compromiso co cumprimento desas medidas. É necesario ser máis cautos que nunca para dar estes pequenos pasos, porque só esta cautela e esa prudencia vai evitar ter que dar marcha atrás, tanto en cifras como en restricións”.
 
Destacou, así mesmo, que Galicia foi, na última semana, con moita diferenza, a comunidade autónoma con maior taxa de probas diagnósticas realizadas por cada 100.000 habitantes, 3.325, e moi por riba da media nacional, 2.120. Galicia está a realizar unha media de 100.000 probas á semana, -subliñou-.
 
Esforzo grande de diagnóstico
Tamén remarcou o conselleiro que, dende o 1 de decembro, as áreas sanitarias levaron a cabo cribados poboacionais, ou a colectivos específicos, que incluiron a máis de 368.000 persoas e detectaron a 1.024  positivos. Así, so na semana pasada, a Xunta citou a un total de 69.783 persoas a cribados e, nesta semana, o Executivo galego ten citados, polo momento, a 34.000 persoas. Ao respecto, o conselleiro pedíulle á poboación galega que acuda cando sexan chamados xa que, só deste xeito, atallando os positivos o antes posible, poderase reducir, aínda máis, as cifras de contaxiados.
 
Situación asistencial
Respecto da situación asistencial, o conselleiro dixo que, na actualidade, temos 663 persoas menos ingresadas en andares covid, respecto do pico máximo da pandemia, e 111 menos en camas de críticos.
 
Ao respecto remarcou que a aposta pola concepción do sistema público de saúde de Galicia, co modelo de hospital único, permitiu ao Executivo galego poder facer un mellor aproveitamento de recursos, e, tamén, darlles aos pacientes unha mellor atención, derivando doentes de críticos de hospitais cunha maior presión aos centros que tiñan unha situación mellor. Así, dende o inicio de ano, un total de 38 pacientes foron trasladados, concretamente 19 de Pontevedra a Vigo e 19 de Ferrol a Lugo e Pontevedra.
 
Outra das cuestións que permitiu á Xunta afrontar a pandemia foi a anticipación. Así, no mes de febreiro do pasado ano, un comité de expertos definiu cales eran os equipos necesarios para facer fronte á pandemia. Tamén foi fundamental a experiencia na xestión das compras do Sergas.
 
O conselleiro explicou que, un total de 10 expedientes de urxencia, xunto ás doazóns privadas, permitiron que Galicia contase con 866 respiradores máis para poder facerlle fronte non só ao inicio da pandemia, senón, tamén, á segunda onda e especialmente á terceira. Precisamente, 440 deses equipos estaban destinados ás áreas de expansión dos críticos. Mesmo neste mes, levamos ao Consello, -detallou o conselleiro-, a disposición de 2,5 millóns de euros para a compra de 31 respiradores non invasivos, 16 equipamentos de radioloxía portátil e 7 tomógrafos. Con estes equipos reforzáronse as unidades de coidados respiratorios intermedios.
 
Desescalada e vacinación
O conselleiro sinalou, respecto das medidas de desescalada, que deben ser tomadas con criterios de prudencia. A reapertura da hostalería debe ser realizada coas maiores garantías posibles, con seguridade para os propietarios, empresarios, traballadores e os clientes. Entre outras medidas, a Xunta traballa na habilitación dun sistema de trazabilidade a través de códigos QR por medio da app Passcovid, para facilitar o seguimento en caso de requirir facer o seguimento dalgún positivo. Ao respecto, destacou a extraordinaria vontade de colaboración do sector da hostalería, así como a importancia das administracións locais.
 
No que atinxe ao plan de vacinación, García Comesaña remarcou que a Xunta avanza ao máximo ritmo que lle permiten as doses coas que se conta; e pediulle a súa colaboración á Fegamp no seguinte proceso que é o de recompilación dos datos do persoal de seguridade e emerxencias dependente das administracións locais. Tamén tivo contacto a Xunta, -dixo o conselleiro-, coa Delegación do Goberno, para organizar o proceso de vacinación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
 
Galicia ten destinado persoal con dedicación exclusiva para a vacinación fronte á covid un 10% máis respecto ao persoal de enfermería de atención primaria, o que posibilita administrar sen problemas as doses que chegan dende o Ministerio. A Xunta ten recibido, -proseguiu o conselleiro-, 153.385 doses de Pfizer, 9.800 de Moderna, 23.800 de AstraZeneca, que son un 5,16% do total de España, co que se vacinaron 19.573 usuarios de residencias con pauta completa e 1.129, cunha dose; 19.063 traballadores do ámbito sanitario con dúas doses e 44.025 cunha dose; e ao redor de 5.000 persoas do ámbito sociosanitario cunha dose.
 
Na súa intervención, o responsable da sanidade galega expresou a súa satisfacción da Xunta polo acordo acadado no Consello Interterritorial, que identifica claramente os seguintes grupos diana, que serán grupos de idade descendente dende os 80 anos no caso das vacinas de Pfizer e Moderna, e dende os 55 anos no caso de AstraZeneca.
 
Tamén destacou o titular da carteira sanitaria, a posta en marcha do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas, dotado con medio millón de euros, co que se quere, ademais de recoñecer o traballo levado a cabo polos máis de 44.000 profesionais do Sergas, atender as posibles repercusións sobre a saúde e o benestar dos traballadores que puidera ter neles a pandemia.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss