O SERGAS PUBLICA A RELACIÓN DOS ASPIRANTES SELECCIONADOS NO CONCURSO OPOSICIÓN DE ONCE CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 02 2021

​O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as resolucións polas que se fan públicos os acordos dos tribunais relativos á baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos aspirantes seleccionados nos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de enfermeiro especialista en enfermería do traballo, enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, enfermeiro especialista en enfermería pediátrica, enfermeiro especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica (matrón/a), enfermeiro especialista en enfermería de saúde mental, fisioterapeuta, médico de familia, odontólogo, pediatra de atención primaria, persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Son un total de 1.492 profesionais que, en breve, se incorporarán ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde Galego. Do total de aspirantes seleccionados, 254 corresponden á categoría de médico de familia de atención primaria, 93 á de pediatra de atención primaria, 7 á de odontólogo e 126 á de persoal de servizos xerais, que reforzarán a atención do primeiro nivel asistencial. Un total de 71 pertencen á categoría de fisioterapeuta e 772 á de técnico en coidados auxiliares de enfermería, dos cales, nesta última categoría, 11 accederon pola quenda de discapacidade intelectual.
 
Completan a relación de seleccionados un total de 169 enfermeiros especialistas das especialidades de enfermería do traballo (2), enfermería familiar e comunitaria (30), enfermería pediátrica (18), enfermería obstétrico-xinecolóxica (89) e enfermería de saúde mental (30).
 
Galicia pioneira
Coa finalización destes procesos selectivos dáse cumprimento aos compromisos adquiridos pola Xunta de estabilizar e reforzar as estruturas asistenciais do nivel de atención primaria; avanzar na integración laboral das persoas con discapacidade intelectual así como no desenvolvemento do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se creou no ámbito do Sergas a categoría estatutaria de enfermeiro especialista, coa progresiva dotación de prazas e a incorporación a estas de persoal fixo en condicións de pleno recoñecemento profesional, sendo Galicia pioneira no desenvolvemento e resolución de procesos para o acceso á condición de persoal fixo de especialidades como enfermería pediátrica ou enfermería familiar e comunitaria.
 
Do total de aspirantes seleccionados, 98 accederon pola quenda de promoción interna, o 91,22% son mulleres e un total de 1.385 xa están a desenvolver as súas funcións no Sergas con carácter temporal, o que representa unha porcentaxe do 92,83 %. Os seleccionados definitivamente en OPE, na categoría de médico de familia, os máis novos son 17 profesionais de 30 anos.
 
As listas coa puntuación definitiva da fase de concurso atópanse publicadas, por orde de puntuación e quenda de acceso, a disposición dos usuarios na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o resultado da baremación definitiva pode ser consultado no apartado de procesos en FIDES/expedient-e.

 

Coa publicación desta resolución ábrese o prazo dun mes, que finaliza o próximo 24 de marzo, para que os aspirantes seleccionados presenten a seguinte documentación:

 

-Declaración de non ter sido separados do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis meses anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitados para o exercicio de funcións públicas nin para a correspondente profesión.

-Certificado médico oficial acreditativo da capacidade funcional para o desempeño das funcións propias da categoría.

 

-Certificación do Rexistro Central de delincuentes sexuais dependente do Ministerio de Xustiza de non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou autorización escrita ao Sergas para consultar os datos contidos no citado Rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación; documentación exixida por imperativo da Lei 26/2015, do 28 de xullo.

-Declaración xurada ou promesa de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría/especialidade noutro servizo de saúde.

Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase a disposición dos aspirantes, na páxina web do Sergas, no apartado de emprego público, os modelos de declaración responsable e autorización requiridos nesta resolución.
 
Habilitouse un enderezo de correo electrónico onde os aspirantes poden dirixir dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss