A XUNTA DE GALICIA CONSTRUIRÁ UN NOVO CENTRO DE SAÚDE NO CONCELLO DE ANTAS DE ULLA, QUE TRIPLICARÁ EN SUPERFICIE AO ACTUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 02 2021

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela Pérez, veñen de asinar, no día de hoxe, un convenio de colaboración para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde neste concello da provincia de Lugo. Unha vez rematada a sinatura, o conselleiro visitou os terreos onde se construirá o novo centro de saúde.

A Xunta de Galicia, consciente do traballo xa adiantado polo Concello, dispón, nos seus orzamentos para o presente ano, dunha partida de 155.000 euros para poder licitar e adxudicar o contrato do proxecto deste novo centro de saúde.

Está previsto que o novo centro de saúde teña unha superficie construida total de 850 m2, case triplicando a do actual centro de 317, o que representa un incremento do 168% de superficie.

 
O plan funcional aprobado inclúe a ampliación dos espazos das consultas e a inclusión dunha sala polivalente que non existe no actual centro, contando así con dúas consultas de medicina, dúas de enfermería, unha polivalente, unha de toma de mostras, máis unha sala de xuntas.
 
Por medio deste acordo, o concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios, co fin de posibilitar a cesión patrimonial, ao Sergas, dunha parcela libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario, proceso que xa ten avanzado. Pola súa parte, o Sergas, deberá licitar o proxecto e, posteriormente, a obra de construción, proceso que se prevé iniciar de inmediato.
 

O concello de Antas de Ulla ten, na actualidade, ao redor de 1.610 tarxetas sanitarias, das que 95 son de pacientes en idade pediátrica.

No acto de sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz; e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico.

Importante investimento en atención primaria
A Xunta de Galicia leva investidos máis de 100 millóns de euros dende 2009 na mellora das infraestruturas de atención primaria, entre os 79 centros de saúde que xa están finalizados e os 12 que están en marcha. Para seguir nesta liña, os orzamentos da Xunta para o presente ano, en materia de sanidade, son os maiores da historia de Galicia, investindo na sanidade pública 475 millóns de euros máis que o pasado ano, chegando así á cifra récord total neste eido de máis de 4.500 millóns de euros.
 
En particular, neste ano, Galicia duplica o seu orzamento para infraestruturas en atención primaria, pasando dos 26 millóns de 2020 a preto de 55 en 2021.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss