O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA O COMPROMISO COA MELLORA CONSTANTE NA ATENCIÓN Á CIDADANÍA NA PRESENTACIÓN DUNHA NOVA UNIDADE MÓBIL DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 02 2021

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no transcurso do acto de presentación da nova unidade móbil da  Axencia de  Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), o constante compromiso coa mellora aos usuarios e usuarias do noso sistema público de saúde e, en concreto, cos doadores de sangue.

O máximo responsable da sanidade galega remarcou a importante partida orzamentaria, que ascendeu a 269.794 euros, que supuxo a adquisición, mediante concurso público, deste vehículo que moderniza o actual parque móbil de ADOS, e que comenzá a prestar servizo, de modo inmediato, na área sanitaria de Vigo.
 
O acto de presentación tivo lugar na Rúa Príncipe de Vigo, e contou coa presenza da directora da Axencia, Marisa López García; o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto; así como o presidente da Federación galega de Irmandades de doadores de sangue, José Manuel Fonseca Gómez; e o presidente da Irmandade de doadores de Vigo e da asociación de doadores e receptores de órganos de Vigo (Adrovi).
 
Autonomía e comodidade
O novo vehículo dispón de subministración eléctrica autónoma e sistema de climatización, así como a máis moderna tecnoloxía que garante a máxima seguridade e confort para que a cidadanía poida realizar a súa doazón de sangue. Neste sentido, cómpre destacar que se reforzaron todos os equipamentos de seguridade, tanto activa como pasiva, que se poden ofrecer na actualidade, ademais de importantes melloras relativas á climatización e insonorización do interior da unidade móbil, co obxectivo de garantir a máxima comodidade.
 
Así mesmo, a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, cunhas dimensións de 12,2 metros de lonxitude e 3,4 metros de altura, estará dividida en tres espazos: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas, e unha área de refrixerio. Destacar que a unidade móbil foi rotulada exteriormente dun modo totalmente innovador polo que, por se mesma, convida á cidadanía a participar activamente nas campañas de doazón de sangue e, tal e como sinala o lema da campaña de ADOS, “#Súmate ao noso equipo”.
 
Tanto o conselleiro de  Sanidade como a directora de ADOS coincidiron en poñer de manifesto a importancia da mellora na prestación do servizo á cidadanía, lembrando que, na actualidade, case o 80% das doazóns de sangue que se recollen anualmente en Galicia rexístranse nestes vehículos.
 
Neste punto, quixeron convidar ás galegas e galegos a achegarse, no transcurso dos próximos días, a doar sangue, xa que todos os días do ano necesítanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir adecuadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss