A XUNTA NA VANGARDA DA SIMULACIÓN CLÍNICA ENDOVASCULAR GRAZAS AO CESIS DA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 03 2021
 

Santiago, 23 de marzo de 2021.- O Servizo de Cirurxía Vascular da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza co apoio do Centro de Simulación Clínica de Santiago de Compostela (CESIS) realizou por primeira vez un programa de adestramento avanzado en técnica endovascular telemática para iniciar o programa de “tratamento endovascular aórtico co sistema Aorfix” no hospital de Bangkok ,Thailandia.

Os responsables de terapia aórtica do Siriraj Hospital de Bangkok  asistiron a principios deste mes a unha xornada de formación telemática coa endoprótesis aórtica Aorfix coa intención de adquirir o coñecemento práctico necesario para poder levar a cabo os dous primeiros procedementos deste tipo nese Hospital. Esta prótese,  que permite tratar de forma pouco agresiva o aneurisma de Aorta abdominal diminuíndo os riscos para o paciente, foi recentemente aprobada para o seu uso no país asiático e, por tanto, non existe experiencia clínica no seu uso nos hospitais tailandeses.

O Servizo de Cirurxía Vascular compostelá é un referente internacional no tratamento endovascular aórtico e conta cunha ampla experiencia no implante deste dispositivo. Os doutores Kiattisak Hongku, Tossapol Prapassaro e o Profesor Khamin Chinsakchai  pertencentes ao Servizo de Cirurxía Vascular do Siriraj Hospital de Bangkok, xunto ao o equipo de enfermería e Anestesioloxía do mesmo hospital, asistiron á devandita xornada de simulación clínica telemática no Centro de Simulación de Santiago de Compostela. O Hospital Siriraj de Bangkok é un dos maiores e máis importantes hospitais do país;  atende un número superior a 130.000 pacientes por ano, conta con 800 camas e 48 salas cirúrxicas onde se realizan máis de 30.000 procedementos por ano sendo un dos hospitais líderes do sueste asiático en procedementos minimamente invasivos. https://www.si.mahidol.ac.th/th/ O Servizo de Cirurxía vascular do Hospital Siriraj é un referente nacional con mais de 60 anos de experiencia. Foi unha das primeiras unidades desta especialidade no país, conta con 6 cirurxiáns vasculares con ampla experiencia en cirurxía convencional e procedementos minimamente invasivos.
 
As instalacións únicas do CESIS que permiten realizar formación telemática con simulación clínica posibilitaron por primeira vez o adestramento con fins clínicos inmediatos, a adquisición dos coñecementos e habilidades necesarias para realizar esta intervención e a simulación do procedemento previo ao día de quirófano por parte dos Cirurxiáns vasculares do Hospital supervisados polos profesionais do Servizo de Cirurxía Vascular do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
 
Na madrugada do Mércores 10, dada a diferenza horaria con Bangkok, interviñéronse os dous pacientes tailandeses que se planificaron e simularon previamente. Estes dous pacientes, igualmente grazas aos recursos telemáticos de docencia do CHUS foron intervidos de forma coordinada e supervisados polos facultativos do Servizo de Cirurxía vascular do Hospital Clínico.
 
Os dous pacientes, homes de 80 e 78 anos, foron intervidos con éxito coa técnica minimamente invasiva planificada e recibiron o alta hospitalaria nas 24 horas seguintes á súa intervención . O doutor Nilo Mosquera, xefe de Servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza comentou “grazas aos recursos telemáticos de formación que se puxeron en marcha polo esforzo conxunto do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, a USC e a Fundación de Investigación de Santiago de Compostela foi posible planificar, adestrar ao equipo cirúrxico e dar apoio telemático á introdución dunha nova técnica que permite sen necesidade de desprazarnos fisicamente a Bangkok. Esta tecnoloxía xa existía previamente e utilizámola en varios contextos de docencia médica pero nunca para o adestramento dun grupo de cirurxiáns que non tiñan experiencia previa co dispositivo. A simulación clínica é a maneira máis  eficaz de adestrar a un cirurxián sen comprometer a seguridade do doente. A situación que vivimos neste último ano obrigounos a reinventarnos unha vez máis. Tanto os compañeiros do hospital como nós estamos moi satisfeitos co programa deseñado e os resultados conseguidos
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss