A TUBERCULOSE DESCENDE EN GALICIA UN 80 % DESDE A POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA DE PREVENCIÓN E CONTROL DA ENFERMIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 03 2021

 

Con motivo do Día mundial da tuberculose, Sanidade informa que, dende a posta en marcha do primeiro Programa galego de prevención e control desta doenza, no ano 1996, a incidencia da enfermidade descendeu de forma progresiva e constante. Así o confirman os datos recollidos no Informe anual da tuberculose en Galicia no ano 2020, que amosan unha diminución dun 80% no número de casos novos, pasando dos 1.963 en 1996 aos 393 no ano pasado. Isto tradúcese nun descenso por termo medio anual do 6,4%.
 
O 96,4% dos pacientes que iniciaron tratamento en 2019 curáronse, unha porcentaxe moi por riba do obxectivo da Organización Mundial da Saúde que é do 85%. A este bo dato contribuíu o traballo desenvolvido polos equipos das unidades de tuberculose de Galicia, que decidiron a necesidade de instaurar tratamento supervisado no 55,6% dos casos. A supervisión dos profesionais controlando a toma de medicación pode ser diaria, semanal ou con outra periodicidade, segundo os casos.
 
A incidencia da tuberculose bacilífera, é dicir, contaxiosa, pasou de 27,9 a 3,9 casos por 100.000 habitantes no período 1996-2020, o que representa unha diminución moi notable polo que implica da eliminación das fontes de infección na comunidade.
 
O 62,6% dos casos foron homes e o 37,4 % mulleres. Por grupos de idade, a maior incidencia foi no grupo de maiores de 74 anos. O tabaquismo destaca como principal factor de risco asociado, presente nun 23,9% dos pacientes. Segundo a localización da enfermidade, a máis frecuente foi a pulmonar, que representou o 63,4% dos casos. Deles, o 42,2% eran bacilíferos.
 
A incidencia da tuberculose en nenos menores de cinco anos, diminuíu de 58,9 a 3,3 casos por 100.000 habitantes no tramo que vai do ano 1996 ata 2020
 
Importancia do diagnóstico e tratamento precoz
A Consellería de Sanidade continúa reforzando as actuacións para diminuír o tempo de diagnóstico e cortar a cadea epidemiolóxica de transmisión, concienciando á poboación e aos profesionais da necesidade de diagnosticar e tratar precozmente esta enfermidade, especialmente os casos máis contaxiosos.
 
No tocante á prevención, Sanidade subliña que se debe continuar cos esforzos na identificación e tratamento dos contactos infectados, tanto nenos como adultos, situación determinante para a prevención de futuros casos de tuberculose.
 
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade é consciente de que para conseguir as metas marcadas é indispensable seguir actuando de maneira coordinada, sabendo que se lograron avances considerables pero que hai que seguir a traballar para acadar que un programa efectivo como o galego acade aínda unha maior calidade, asumindo as ambiciosas perspectivas da Organización Mundial da Saúde, expandindo os esforzos xa despregados e buscando fórmulas innovadoras para deter a tuberculose en Galicia.
 
No 2020 rematou a vixencia do actual programa, polo que no 2021 avaliaranse todos os obxectivos e revisaranse as estratexias vixentes por se houbera a necesidade de reformular algunha delas. O obxectivo é acadar unha incidencia menor de 10 casos por 100.000 habitantes no ano 2035, en consonancia coa estratexia “Fin da tuberculose” da Organización Mundial da Saúde.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss