A XUNTA INICIA O CRIBADO NO AEROPORTO DE ALVEDRO CON TEST PARA OS PASAXEIROS DE 7 VOOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 03 2021

 

 A Xunta de Galicia iniciou esta mañá  a realización de probas diagnósticas no aeroporto de Alvedro, testando aos pasaxeiros dos sete voos que na xornada de hoxe arribaron á cidade da Coruña.
 
Mediante a realización dun test de antíxenos, Sanidade posibilita que todas as persoas que se acheguen a Galicia, por medio do aeródromo coruñés, poidan participar nuns procesos de cribado que teñen como obxectivo a detección de casos asintomáticos.
 
Tralo convenio asinado na tarde de onte con Aena, Sanidade puxo en marcha o operativo para poder realizar as probas desde primeira hora desta mañá. Así, cómpre salientar que durante esta primeira xornada, a realización das probas transcorreu con total normalidade. Durante os primeiros voos desta mañá a participación acadou o 15%, sen detectarse ningún caso positivo entre as persoas testadas.
 
A Consellería de Sanidade agradece a Aena e ao do director do aeroporto da Coruña, Jesús Campo, a súa colaboración nas tarefas de organizativas vencelladas á realización destes cribados nas instalacións do aeródromo da Coruña. 
 
Así mesmo, e na procura de estender a realización de probas ao conxunto de instalacións aeroportuarias galegas, no transcurso desta mañá a xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela, Eloína Núñez, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, visitaron os aeroportos da capital galega e da cidade olívica, para determinar o lugar máis axeitado onde se realizarán, o antes posible, os cribados nas instalacións do aeroportos de Lavacolla e Peinador.
 
Ademais, a Xunta de Galicia ten previsto comezar, a mediados da semana que vén, os cribados nas estacións ferroviarias de ADIF.
 
Máis de 10.000 persoas chamadas a participar nos cribados poboacionais
O Sergas continúa a intensificar a realización de cribados poboacionais nas diferentes localidades galegas. Así, durante os vindeiros días convocará a máis de 10.000 persoas residentes nas poboación galegas que rexistran unha maior incidencia acumulada. Nomeadamente, está fixada a realización de test de antíxenos e probas PCR nos concellos de Abegondo, Saviñao, Beade, Cortegada, Padrenda, Sanxenxo ou Baiona.
 
Rexistro de viaxeiros
A Consellería de Sanidade convida a todas ás persoas que teñan a posibilidade de visitar Galicia nos próximos días, a incribirse no rexistro de viaxeiros habilitado na páxina web do Sergas.
 
Neste senso, lembra a existencia de dúas modalidades para proporcionar esta información ao Servizo Galego de Saúde, podéndo escoller entre cubrir o formulario  dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/, ou ben, subministrar os seus datos chamando ao teléfono 881 00 20 21.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss