A CHEGADA DE 1.700 VACINAS DE MODERNA Á ÁREA SANITARIA DE FERROL ACELERA A VACINACIÓN DE MAIORES DE 80 ANOS DURANTE A SEMANA SANTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 03 2021

​A Área Sanitaria de Ferrol continúa a vacinar fronte a Covid durante toda a Semana Santa. O esforzo do persoal de Enfermaría e de Citación da Área permite acelerar a protección fronte a Covid nestes días. Ademais, a chegada de 1.700 vacinas de Moderna á Area Sanitaria de Ferrol intensifica a vacinación dos maiores de 80 anos. Así, continuará a vacinación a este colectivo de maiores de 80 anos nos 10 puntos de vacinación nos centros de saúde da Área Sanitaria Ferrol. E, esta tarde, como novidade estes días, súmase un novo punto no Hospital Naval do Complexo (no Hospital de Día) para poder administrar estas 1.700 doses da vacina de Moderna recentemente chegadas, tamén a maiores de 80 anos. Outra das novidades na Semana Santa é a vacinación en domicilio dos grandes dependentes, cun equipo de dous profesionais que vacinará unha media diaria de entre 20 e 25 persoas deste colectivo. Ademais, existe un punto de vacinación hospitalario no Hospital Arquitecto Marcide (na sala de extracción do Laboratorio no andar baixo), onde se vacinan fundamentalmente profesionais e o denominado grupo de profesións esenciais.

 
En termos xerais, dende o inicio da vacinación en decembro de 2020, administráronse na Área Sanitaria de Ferrol xa un total de 32.916 vacinas fronte a Covid e 10.742 persoas teñen xa as dúas doses. Lembrar que a administración da vacina fronte á Covid en persoas maiores de 80 anos comezaba o luns 22 de febreiro na Área Sanitaria de Ferrol, comezando pola letra H do apelido tras un sorteo ante notario na Consellería de Sanidade. Xa se está na letra B ou C nestes centros, e están vacinadas máis de 8.600 persoas deste colectivo. Como se dicía, continuarase estes días coa vacinación tanto da primeira dose como da segunda nos dez puntos dos centros de saúde (centros de saúde de Fontenla Maristany, Caranza e Serantes, en Ferrol; Narón, Cedeira, Fene, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes e San Sadurniño); e, tamén, neste novo punto no Hospital Naval diariamente durante a Semana Santa ata alcanzar as 1.700 doses ó colectivo de maiores de 80 anos.

 

Esforzo dos e das profesionais que o fai posible

Lembrar que existe un equipo de 8 persoas especialmente creado para a citación da vacinación fronte á Covid ó que se suma o persoal de cita previa do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que comezaba a citar dende este mércores, mañá e tarde, ás persoas para os días da Semana Santa. Ademais, na Área Sanitaria ferrolá, hai destinados 12 profesionais de Enfermaría formados especificamente para a realización da protección fronte a Covid, e ós que se ten sumado xa tamén persoal de Enfermaría dos centros de saúde e a colaboración de persoal de Preventiva e de Riscos Laborais.
 
 
Para a organización do operativo estanse a seguir as instrucións do Plan Galego de vacinación Fronte ao SARS-CoV-2 da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, así como da Estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade, xa que dada a limitación actual do número de vacinas, é preciso organizar tendo en conta a dispoñibilidade limitada cada semana.
 

 
No caso dos maiores de 80 anos, tal e como se recolle na instrución, con anterioridade ó día da cita de vacinación, o primeiro contacto cos usuarios será realizado telefonicamente polo equipo de citación especial, formado polos citados 8 profesionais, incluído o coordinador, todos eles persoal administrativo de Atención Primaria. Unha vez fixada a data, as listaxes de usuarios e usuarias citadas estarán a disposición do persoal médico e de enfermaría do seu centro de saúde de orixe, así como do persoal de administración e servizos (PSX), que serán os que reconfirmen as citas diarias, nunha segunda chamada, co obxectivo de lembrar esta e axustar ó máximo as doses a dispensar. Súmase a citación do Complexo para os que se vacinarán no Hospital Naval.

 

Por outra banda, lembrar, en termos xerais, que a segunda dose de vacinación fronte a Covid nos centros sociosanitarios da Área Sanitaria de Ferrol remataba case na súa totalidade nos primeiros días de febreiro. Está case pechada tamén salvo excepcións, e cumprindo con cronograma previsto nos primeiros grupos, a vacinación dos grupo 2 e 3 que eran os profesionais de departamentos de primeira liña de tódalas categorías, sanitarios e non sanitarios, e dos centros de saúde e dos hospitais; e tamén o resto de profesionais dos centros sanitarios. Na actualidade, continúase coa vacinación dalgunhas das persoas destes grupos que por distintos motivos -novas incorporacións, ser positivos ou estar con síntomas, por pór un exemplo- non se puideron vacinar. Está en marcha a vacinación das persoas dos Servizos de Axuda no Fogar e de profesionais esenciais (Policía, Bombeiros.....) seguindo os listados facilitados polos Concellos e as institucións correspondentes de cada ámbito.

 

Moitas grazas ás persoas que están a colaborar para facer isto posible.
 

SAÚDOS, COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss