COMEZA A VACINACIÓN DE 4.000 PERSOAS DO COLECTIVO DE ENTRE 60 E 65 ANOS MAÑÁ MÉRCORES EN FIMO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 04 2021

A vacinación masiva de 4.000 persoas de entre 60 e 65 anos (persoas nacidas entre os anos 1956 e 1961) realizarase mañá mércores, e pasado xoves, no recinto de FIMO, no Concello de Ferrol. Será coa vacina de Astra Zéneca (con segunda dose ás 12 semanas). Pola súa banda, o venres, sábado e domingo este recinto acollerá tamén a vacinación masiva de 6.400 persoas máis, nesta ocasión o colectivo de 75 a 79 anos (persoas que naceron entre os anos 1942 e 1946), e coa vacina de Pfizer (segunda dose en 21 días). Ámbalas dúas vacinacións de ámbolos dous colectivos realizarase atendendo a criterios de idade, comezando polos máis maiores, e farase a citación mediante SMS, a diferencia do colectivo de maiores de 80 anos, que era convocado pola letra do apelido e mediante unha chamada telefónica dende a Área Sanitaria de Ferrol.

Así, tal e como indican dende a Consellería de Sanidade, no caso dos nados entre 1942 e 1946,  vanse citar mediante un SMS con confirmación cunha chamada robótica. Así mesmo haberá unha chamada dende os equipos de citación, tan só ós que non teñan confirmado a súa cita polo SMS ou a chamada robótica. No que atinxe ós nados entre 1956 e 1961, citarase por medio dun SMS que non precisará confirmación. Finalizada cada xornada, chamarase ós non asistentes para citalos nos seguintes días dispoñibles.
 
Balance dunha atípica Semana Santa
Recordar que durante todos estes festivos de Semana Santa, do mércores a onte, non só non parou a vacinación se non que se intensificou no grupo de maiores de 80 anos grazas á chegada de vacinas de Pfizer e Moderna, as axeitadas para este grupo de idade. Iso supuña que os e as profesionais de Enfermaría dos equipos de vacinación e unha vintena de persoas da administración e citas da Área Sanitaria de Ferrol convocaran neses días de xeito moi intenso a este colectivo para adiantar a protección con 3.700 vacinas nos dous puntos hospitalarios habilitados especialmente para iso, no Hospital Arquitecto Marcide e no Hospital Naval. Esta acción específica deses días realizábase a maiores das vacinas que se seguían a administrar de xeito ordinario nos 10 puntos de vacinación dos centros de saúde.
 
En termos globais, dende o inicio da vacinación en decembro de 2020, administráronse na Área Sanitaria de Ferrol xa un total de 40.305 vacinas fronte a Covid, e 12.429 persoas teñen xa as dúas doses. Co que, nestes días festivos nos que non se parou de vacinar administráronse preto de 7.400 vacinas. Hoxe martes 6 de abril continúase coa vacinación dos maiores de 80 anos nos centros de saúde; coa vacinación a domicilio dos grandes dependentes, cunha media de entre 20 e 25 domicilios diarios; e cos colectivos esencias no punto habitual do Hospital Arquitecto Marcide, no Laboratorio de Extraccións do Hospital Arquitecto Marcide. A partir de mañá, engádense a esta actividade ordinaria os colectivos das vacinacións masivas no FIMO xa mencionados.
 
Que se fixo ata o de agora
Lembrar que existe un equipo de 8 persoas especialmente creado para a citación da vacinación fronte á Covid ó que se sumaba estes días o persoal de cita previa do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que citaba ás persoas para os días da Semana Santa. Ademais, na Área Sanitaria ferrolá, hai destinados 12 profesionais de Enfermaría formados especificamente para a realización da protección fronte a Covid, e ós que xa se ten sumado  tamén persoal de Enfermaría dos centros de saúde e a colaboración de persoal de Preventiva e de Riscos Laborais.
 
Por outra banda, lembrar, en termos xerais, que a segunda dose de vacinación fronte a Covid nos centros sociosanitarios da Área Sanitaria de Ferrol remataba case na súa totalidade nos primeiros días de febreiro. Está case pechada tamén salvo excepcións, e cumprindo con cronograma previsto nos primeiros grupos, a vacinación dos grupo 2 e 3 que eran os profesionais de departamentos de primeira liña de tódalas categorías, sanitarios e non sanitarios, e dos centros de saúde e dos hospitais; e tamén o resto de profesionais dos centros sanitarios. Na actualidade, continúase coa vacinación dalgunhas das persoas destes grupos que por distintos motivos -novas incorporacións, ser positivos ou estar con síntomas, por pór un exemplo- non se puideron vacinar. Está en marcha a vacinación das persoas dos Servizos de Axuda no Fogar e de profesionais esenciais (Policía, Bombeiros, profesorado.....) seguindo os listados facilitados polos Concellos e as institucións correspondentes de cada ámbito.
 
Subliñar que tódalas accións que se realizan en relación coa vacinación están supeditadas á chegada de vacinas; e o tipo de vacina que chega, xa que estas están destinadas a un ou a outro grupo de idade. O obxectivo e ir adiantando ó máximo o proceso de protección en canto chegan as vacinas, de aí que estean en marcha distintos grupos de idade en paralelo. Na actualidade, estase a administrar Astra-Zeneca ós menores de 65 anos (cunha segunda dose ás 12 semanas); e tanto Pfizer (segunda dose ós 21 días) como Moderna (segunda dose ós 28 días) ós maiores desa franxa de idade.
 
Moitas grazas novamente ás persoas que están a colaborar para facer isto posible, non só ós e ás profesionais da Área Sanitaria, se non tamén a Protección Civil, Policía Local e Concello de Ferrol.
 

SAÚDOS, COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss