A XUNTA DE GALICIA CREA UN GRUPO DE TRABALLO PARA DEFINIR PROXECTOS DE USO DA IMPRESIÓN 3D NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 04 2021

A Consellería de Sanidade vén de reunir ao Consello para a Innovación en Materia Sanitaria, o órgano consultivo da Xunta de Galicia para a promoción da innovación no sistema público galego de saúde, despois de proceder o mes pasado á renovación dos seus membros electivos.

Na reunión, que tivo lugar esta semana, o Consello adoptou como primeiro acordo a creación dun grupo de traballo encargado de definir un modelo de xestión das técnicas de impresión 3D que permita ao sistema sanitario unha xestión axeitada dos recursos, individualizados e pensados para cada paciente. Este grupo estará integrado por profesionais das áreas de TIC, cirurxía, traumatoloxía, enfermería, otorrinolaringoloxía ou radiodiagnóstico, así como persoal investigador, todos eles propostos polos diferentes membros do Consello pola súa vinculación presente ou pasada con proxectos de impresión 3D dentro ou fóra de Galicia.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu na necesidade de integrar a impresión 3D como discurso xeneralizado a disposición dos profesionais do Servizo Galego de Saúde. Nesa liña, animou a que o grupo de traballo incorpore a experiencia de distintos proxectos de innovación desenvoltos nas distintas áreas sanitarias e nodos de innovación do Sergas e a utilice para definir un documento de liñas xerais de usos sanitarios da impresión 3D no eido da innovación, no asistencial e no da formación.
 
García Comesaña destacou tamén a importancia de que estes proxectos sanitarios en materia de impresión 3D contribúan a crear un ecosistema empresarial relacionado con esta tecnoloxía en Galicia, identificando empresas con estas capacidades en colaboración con outros departamentos da Xunta de Galicia, como a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), ou a Axencia Galega de Innovación (GAIN), cuxas directoras participaron tamén na reunión, como membros natos deste órgano.
 
O Consello para a Innovación en Materia Sanitaria coincidiu, tamén, na encomenda a este grupo de traballo de preparar, dentro das liñas xerais que definan como prioritarias, proxectos concretos, con obxectivos e socios identificados, susceptibles para concorrer a convocatorias de fondos que permitan captar financiamento para o seu desenvolvemento.
 
Desenvolvemento doutros proxectos innovadores
No transcurso da reunión, o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, informou aos membros do Consello sobre a evolución dos catro grandes proxectos de innovación sanitaria que está a desenvolver esta axencia.
 
En primeiro lugar, Fernández-Campa destacou o éxito na convocatoria da segunda edición dos premios de Innovación en Saúde, que recibiron este ano 99 propostas fronte ás 70 recibidas na anterior convocatoria. Destas 99, 76 son na modalidade de profesionais sanitarios e 23 na de pacientes e asociacións.
 
En segundo lugar, informou do avance do Living Lab de Ourense, no que xa se teñen seleccionado seis proxectos cos que está pendente a formalización dos convenios para que comecen a funcionar. Ourense é o primeiro paso da Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE), que xorde como mecanismo facilitador para a creación e posta en marcha de proxectos innovadores nunha contorna no que interactúan múltiples axentes, para dar resposta a necesidades reais detectadas no sistema sanitario público de Galicia.
 
Por último, expuxo, aos membros do Consello, os dous grandes proxectos de compra pública precomercial que está a desenvolver a sanidade galega a través de consultas ao mercado para a busca de solucións innovadoras: InnovaTrial, destinado á creación dunha plataforma en rede para os ensaios clínicos, e Innova MicroLab, dirixido a axilizar os diagnósticos microbiolóxicos e identificar cambios no microbioma.
 
Oito vogais electivos serán os asesores da Xunta en innovación sanitaria
O Consello para a Innovación en Materia Sanitaria foi creado no ano 2013 como órgano de carácter permanente e consultivo no cal participaran persoas de relevancia en materia de innovación en saúde e cuxa finalidade fose a promoción da innovación na Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.
 
Con este obxectivo, deseñouse un órgano coa presenza de cinco membros natos (as persoas titulares da consellería de Sanidade, da Xerencia do Sergas, da dirección da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica, da dirección da Axencia Galega de Innovación, e da entidade adscrita á Consellería de Sanidade con competencias en materia de innovación, que desde 2015 é a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), e ata oito membros electivos.
 
O pasado mes de marzo designáronse, deste xeito, oito novos vogais electivos. A proposta do xerente do Sergas incorpóraronse ao organismo Alejandro Ávila (pediatra, actual subdirector de hospitalización e urxencias da área sanitaria da Coruña e Cee e coordinador do nodo de innovación de dita área), Blanca Cimadevila (xefa do servizo de integración asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas), Javier Quiles (físico experto en imaxe médica, actual subdirector de sistemas e tecnoloxías da información da área de Ferrol), Pilar Rodríguez Ledo (médico de familia, actual subdirectora de humanización, calidade e atención á cidadanía da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e coordinadora do nodo de investigación de dita área) e José María Romero Fidalgo (actual director da área de desenvolvemento e innovación sanitaria da Axencia para o Coñecemento en Saúde).
 
Por outra banda, a proposta do conselleiro de Sanidade, súmaronse a este órgano o subdirector xeral Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería, Benigno Rosón; a farmacéutica e xefa de servizo de control e auditorías da Dirección Xeral de Saúde Pública, Marta Piñeiro; e o economista especializado en xestión sanitaria, Miguel Ángel Máñez.

 

Na actual lexislatura, a Xunta de Galicia ten expresado o seu firme compromiso de avanzar na transformación dixital da nosa sanidade pública. Así, na súa comparecencia parlamentaria de exposición de liñas de traballo para esta lexislatura, o conselleiro de Sanidade comprometeu importantes avances nas áreas da telemedicina, saúde comunitaria,  compra pública innovadora e investigación clínica. Tamén a integración de ferramentas de intelixencia artificial e big data, impresión 3D ou simulación clínica figuran entre as liñas mestras en materia de innovación sanitaria trazadas pola Xunta de Galicia para esta lexislatura, cuxo desenvolvemento será apoiado por este renovado órgano consultivo.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss