O SERGAS PRESENTOU ÁS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS A ENTRADA EN VIGOR DAS PRIMEIRAS LISTAS DE CONTRATACIÓN DE PERSOAL MÉDICO HOSPITALARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 04 2021
 

O Servizo Galego de Saúde vén de propoñer ás organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, UGT, CESM e OMEGA, nunha xuntanza celebrada onte, que o persoal médico temporal de atención hospitalaria, actualmente seleccionado de modo descentralizado nas sete áreas sanitarias, sexa seleccionado, por primeira vez e desde o vindeiro mes de setembro, en atención a listas centralizadas de aspirantes de cada especialidade, elaboradas en aplicación do Pacto publicado no Diario Oficial de Galicia do 23 abril de 2019. As organizacións sindicais amosaron a súa satisfacción polas medidas, se ben deberán ratificarse en reunión de mesa sectorial.

Para estes efectos as listas, actualmente publicadas como provisionais, serían publicadas nese mes de setembro con carácter definitivo. Este prazo de varios meses, considérase necesario para que as áreas sanitarias rematen a tramitación das súas propias convocatorias, as cales están a ser anunciadas no Diario Oficial de Galicia, e que comprenden, aproximandamente, 285 prazas vacantes para cobertura con persoal interino.
 
Por outra parte, o Sergas propuxo un réxime transitorio que beneficiaría a aquel colectivo de persoal facultativo que vén traballando con vínculos de longa duración (dous anos ou máis). Este persoal (582 profesionais), con independencia da entrada en vigor das novas listas, tería garantido o seu emprego ata que finalice a OPE que está actualmente a tramitarse, e que remataría no ano 2022.
 
Estudo por especialidades
Nesta mesma liña de estabilidade no emprego, a Administración anticipou que se realizará un estudo por especialidades e áreas para avanzar, na medida do posible, na dotación daquelas prazas que resposten a necesidades permanentes e estables.
 
Na mesma reunión, comunicouse ás organizacións sindicais que os exercicios desa OPE de persoal facultativo, na que se ofertan 996 prazas para incorporar persoal fixo, realizaranse na segunda quincena do próximo mes de setembro.
 

O Sergas informou, tamén, da inminente elección de destinos de 254 profesionais médicos de familia para incorporación como persoal fixo de médico de familia, previsiblemente na segunda mitade do mes de maio.

Con estas medidas, o departamento sanitario galego confirma o seu compromiso coa estabilidade no emprego e cos principios de mérito, capacidade e igualdade no acceso ao emprego público. Ademais, coa entrada en vigor das listas de selección temporal garántese, tamén, a dispoñibilidade de persoal, conciliando os intereses de todas as áreas sanitarias e hospitais onde se prestan servizos.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss