PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA FERROLÁ FARÁN UN CRIBADO VOLUNTARIO PARA A DETECCIÓN DA COVID NO CONCELLO DE ORTIGUEIRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 04 2021

​A Área Sanitaria de Ferrol do Sergas realizará un cribado voluntario para a detección precoz da Covid no Concello Ortigueira a máis de 400 persoas maiores de 18 anos deste Concello. Por indicación da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, as persoas implicadas serán convocadas a través dun SMS. Un equipo de profesionais (1 enfermeira e 1 Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría) acudirán durante tres tardes, hoxe xoves 15, mañá venres 16, e sábado 17 de abril, en horario e 16:00 a 21:00 horas, para realizar as probas coa fin de detectar os posibles casos de Covid, atallalos, e evitar así unha posible propagación da enfermidade. Farase mostra nasofarínxea PCR.

A recollida da mostra terá lugar no Centro de Saúde de Ortigueira onde se realizará esta proba sen necesidade de baixar do coche. Neste senso, agradecer a colaboración das persoas do Concello que colaboran para facer máis operativa a organización deste dispositivo, e, tamén, o esforzo dos e das profesionais, sanitarias e non sanitarias, implicadas na organización.
 
Aproveitamos para recordar que os chamamentos por SMS tanto para este tipo de cribados como para a vacinación, requiren que a cidadanía teña os datos correctos e actualizados na súa tarxeta sanitaria; co que, se ten dúbidas ó respecto, pode consultar a través da web do Sergas, da aplicación móbil do Sergas, ou pórse en contacto co centro de saúde ou con Tarxeta Sanitaria.
 
Lembrar igualmente que, ó longo dos meses de pandemia, a Dirección Xeral de Saúde Pública conxuntamente coa Xefatura Territorial de Sanidade da Xunta de Galicia son os que determinan os colectivos ós que lle realizar estes cribados en base a análise de diversos factores e da situación de  distintos indicadores, e non só os das cifras absolutas de casos. A Área Sanitaria de Ferrol reitera o agradecemento anticipado pola participación da poboación que pode axudar a acoutar os casos positivos, e sumarse así ós estudos das sospeitas e das contornas dos casos detectados. Estes cribados engádense ós xa realizados dende hai meses de xeito sistemático a outros colectivos sociais, ou residentes e profesionais dos centros sociosanitarios, entre outros.
 
Incidir, unha vez máis, na enorme importancia de intensificar as medidas de protección básicas que resultan absolutamente necesarias independentemente do número de casos positivos no entorno, xa que esta situación pode mudar en calquera momento. Pódese facer moito individualmente e non baixar a garda en ningún momento: uso continuado da máscara, lavado ou hixiene de mans, minimizar ó máximo as interaccións sociais, evitar as aglomeracións e os sitios pechados, e ventilar os espazos. A Área Sanitaria de Ferrol reitera a necesidade de se coidar entre todos, e subliña o valor e a efectividade destas medidas individuais que seguen a ser as ferramentas más efectivas para cortar a transmisión do virus.

 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss