O SERGAS XA TEN EN VIGOR A INSTRUCIÓN PARA PROPORCIONAR LECTORES OCULARES AOS ENFERMOS DE ELA E OUTROS TRASTORNOS NEUROMOTORES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 04 2021

 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse hoxe telematicamente con representantes da Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela); e da Fundación Luzón Unidos contra a ELA, para informarlles que, dende este mes, o Sergas xa ten en vigor a instrución para facer efectivas as prestacións de lectores oculares a pacientes de ELA e outros trastornos neuromotores. Esta instrución será de aplicación no ámbito dos servizos sanitarios da rede de centros do Sergas, para pacientes con aseguramento sanitario público en Galicia. Na reunión estivo presente, así mesmo, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

Así, facilitarase, seguindo o correspondente protocolo, o lector ocular para calquera paciente con trastornos neuromotores graves, con afectación severa de ambos membros superiores e imposibilidade de comunicación oral ou escrita, fundamentalmente para pacientes con esclerose lateral amiotrófica, trombose da arteria basilar, parálise cerebral infantil, traumatismo cranioencefálico e mielinolise pontina, con suficiente capacidade mental, intelectual, de aprendizaxe e de control para o seu manexo de forma segura e eficaz.
 
Os lectores oculares son dispositivos que permiten ao usuario comunicarse segundo o movemento dos seus ollos. Consiste nun monitor que emite raios infravermellos aos ollos da persoa usuaria, permitindo identificar a que parte da pantalla está mirando a persoa e exercer de rato ocular. Os lectores oculares tamén dispoñen de brazos adaptados, útiles en determinadas situacións en que sexa necesario fixar a tablet a unha cadeira de rodas, mesa ou soporte de pé para maior comodidade do usuario.

 

As áreas sanitarias xestionarán, no seu ámbito, a centralización das demandas asistenciais que precisen ser atendidas. Unha vez centralizadas, polo servizo de Admisión de cada centro hospitalario, estas demandas serán remitidas á comisión específica de cada área sanitaria, que avaliará a prescrición. A comisión estará composta por unha persoa representante de cada un dos servizos de Rehabilitación, Neuroloxía, e unha persoa representante da dirección hospitalaria.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss