O SERGAS E A FEDERACIÓN GALEGA DE ENFERMIDADES RARAS E CRÓNICAS ASINAN UN CONVENIO PARA PRESTAR ATENCIÓN FISIOTERAPÉUTICA A PERSOAS QUE PADEZAN UNHA ENFERMIDADE RARA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 04 2021
 

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a presidenta da Federación Galega de Enfermidades Rara e Crónicas (Fegerec), Francisca Luego Milara, asinaron hoxe un convenio de colaboración, que ten por obxecto favorecer o acceso de persoas que padecen unha enfermidade rara a rehabilitación fisioterápica. Como consecuencia do convenio asinado, o Servizo Galego de Saúde comprométese a achegar a cantidade de 31.755 euros.

A prestación dos devanditos servizos levarase a cabo por parte de profesionais e clínicas que se atopen o máis preto posible dos municipios onde viven as persoas usuarias, e con suficiente experiencia e formación na abordaxe das técnicas fisioterapéuticas neste tipo de doenzas.
 
Entre os obxectivos deste convenio tamén está dotar de información relacionada co ámbito da fisioterapia ás persoas que padecen unha enfermidade rara e ás súas familias sobre a patoloxía e os seus síntomas e técnicas para o seu tratamento; ademais de actuar na prevención de problemáticas afines, como alteracións circulatorias, complicacións respiratorias, alteracións muscoesqueléticas, etc. Tamén téntase acadar que os afectados logren, no posible, unha máxima capacidade funcional e independencia nas actividades da vida diaria.
 
As persoas ás que van dirixidas as actividades obxecto do convenio hoxe asinado deben ter diagnosticada ou estar pendentes dun diagnóstico de enfermidade rara, con dificultades susceptibles de mellorar mediante técnicas fisioterapéuticas específicas.
 
Estratexia galega de enfermidades raras
O conselleiro de Sanidade agradeceu a Fegerec as súas achegas á Estratexia galega de enfermidades raras, que a Xunta de Galicia xa ten rematada e que, proximamente, será aprobada na reunión semanal do Consello. Este documento vén cumprir un acordo parlamentario da Comisión de Sanidade do 19 de novembro, que aprobou por unanimidade unha iniciativa neste sentido.
 
A atención especializada a pacientes con enfermidades raras é unha prioridade da Xunta de Galicia e do Sergas. Así, na pasada lexislatura, aprobouse o decreto que regula o Rexistro de pacientes con enfermidades raras, e outro decreto polo que se crea e regula a Comisión galega de enfermidades raras. O rexistro aprobouse coa finalidade de proporcionar información epidemiolóxica sobre a incidencia e prevalencia destas enfermidades e os seus factores determinantes; e a comisión púxose en marcha como órgano de asesoramento técnico no ámbito asistencial que consensúa e desenvolve accións específicas no ámbito da prevención, diagnóstico e tratamento.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss