SANIDADE AMPLIARÁ O SEGUIMENTO DE CONTACTOS DE CASOS POSITIVOS POR COVID ATÉ OS 7 DÍAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 04 2021

 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de informar da ampliación do sistema de rastrexo de contactos de positivos por covid-19, cuxa data de inicio pasará dos actuais dous días previos desde o último contacto coa persoas infectada, até os sete días.
 
Na procura de mellorar a detección precoz de novos casos, así como o seu illamento e estudo, o novo procedemento porase en marcha en 10 días, tras realizarse unha proba de pilotaxe que garantirá o seu correcto funcionamento. A nova estratexia de seguimento non se cinguirá estritamente á definición de contacto estreito, pois tamén se ampliará á busca daqueles contactos casuais que puidera terse reunido coa persoa con resultado positivo. Do mesmo xeito, a detección de novos casos tamén se estenderá a ámbitos sociais concretos, como pode ser o laboral, o educativo ou aos establecementos de lecer.
 
O responsable de Sanidade apuntou que a comunidade galega “continúa a manter unha situación epidemiolóxica estable, a pesar da leve repunta de casos positivos das últimas datas”. Así, salientou que o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias e o avance no proceso de vacinación están a derivar nunha cuarta onda de menor intensidade.
 
No que atinxe ao proceso de vacinación, García Comesaña explicou que “Galicia xa superou o millón de doses administradas e,  un total de 272.774 galegos e galegas xa completaron a súa vacinación”. De acordo aos diferentes grupos de poboación, o conselleiro salientou que o 99% das persoas maiores de 80 anos xa recibiron algunha dose e que, o 75% deste grupo de idade xa conta coa pauta completa. Esta mesma porcentaxe, reflicte a cantidade de persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos que xa recibiron alo menos unha dose. Pola súa banda, o 34,5% das persoas con idades entre os 60 e os 69 anos xa recibiron a primeira das doses da vacina; unha cifra que acada o 87% nos denominados grupos esenciais; e o 70%, no grupo de persoas con patoloxías de risco.
 
Sobre o subministro das vacinas, o titular de Sanidade anunciou que Galicia recibiu esta semana un total de 171.500 vacinas contra a covid-19. Nomeadamente, 143.900 doses de Pfizer, 14.500 de Moderna, 5.900 de Astrazeneca e, 7.200 dosis de Janssen, neste caso, a metade das comprometidas polo Ministerio de Sanidade, e que chegarán na xornada de hoxe á comunidade galega.
 
Con estes viais, abundou, a Xunta de Galicia continuará co Plan de vacinación fixado para esta semana, estando prevista, xunto coa vacinación en centros sanitarios, a administración de máis de 74.000 doses en recintos masivos. Sobre este particular, o conselleiro detallou que tamén se continúa coa administración das segundas doses a un total de 33.000 persoas, así como coa vacinación de grandes dependentes en domicilio.
 
Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, a responsable deste departamento apuntou que, no que atinxe aos datos epidemiolóxicos, Galicia conta cunha incidencia a 7 días de 49 casos (polos 95 casos que rexistra a media española); e unha incidencia a 14 días de 97,8 casos (fronte aos 233 da media de España). Durán explicou que a taxa de positividade na comunidade galega sitúase no 2,46% e que, o número de concellos sen notificar ningún caso covid nos últimos 14 días é de 138. Así mesmo, achegou que o número de municipios sen declarar ningún ningún novo caso positivo nos últimos sete días ascende até os 179.
 
Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores, detallou que a situación asistencial dos centros sanitarios galegos “continúa na liña de estabilidade das últimas semanas con pequenas oscilacións diarias”, trasladando a súa satisfacción e optimismo. Así, destacou o traballo do conxunto de profesionais que desempeñan o seu labor no sistema público sanitario galego.
 
Intensificación dos cribados poboacionais
No que atinxe á realización de cribados entre a poboación, o titular de Sanidade subliñou que Galicia é nestes intres a “cuarta comunidade que más probas diagnósticas realiza”, poñendo en valor o esforzo realizados polos servizos de Microbioloxía, Enfermaría e as oficinas de Farmacia na procura de detectar novos casos positivos.
 
Neste senso, a semana pasada o Servizo Galego de Saúde realizou un total de 33.000 probas de diagnose, nas que detectou 56 casos positivos. Ademais, García Comesaña tamén informou que entre os días 26 de abril e o 3 de maio, 52.700 galegos e galegas están chamados a participar esta semana nos cribados programados pola Dirección Xeral de Saúde Pública e as diferentes Xefaturas Territoriais que integran o sistema sanitario galego.
 
Niveis de restricións nos concellos galegos
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, acordou o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras.
 
Así mesmo, determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, O Grove, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Cambre e Coristanco.
 
Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos termos municipais de Lobeira, Lobios, Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, Vigo, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares.
No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.
 
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro venres, 30 de abril.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss