ENGÁDESE UN DÍA MÁIS DE VACINACIÓN EN FIMO A ESTA SEMANA, MAÑÁ XOVES, UN DOS MÁIS NUMEROSOS CON 3.700 CONVOCADOS NUN SÓ DÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 04 2021
​Engádese esta semana un día de vacinación fronte a Covid no recinto de FIMO en Ferrol, e administraranse mañá xoves a maior cantidade de vacinas neste recinto, unhas 3.700 nun só día, para o que se habilitan ata 18 postos de vacinación (houbo 7 durante a pilotaxe en marzo e ata 13 en xornadas anteriores). A xornada de mañá xoves estará destinada pola mañá a máis de 1.000 vacinacións coa vacina de Astra Zéneca, á poboación entre 60 e 65 anos; e, xa pola tarde, máis de 2.700 coa vacina de Pfizer á poboación de 70 a 79 anos.
 
Lembrar que esta semana están habilitados tódolos puntos de vacinación dispoñibles na Área Sanitaria de Ferrol, os 10 centros de saúde, os domicilios, o Hospital Arquitecto Marcide (Laboratorio), o Hospital Naval (Hospital de Día) e o recinto de FIMO en Ferrol, e adminístrase tódalas vacinas aprobadas dispoñibles, Pfizer, Astra Zéneca, Moderna e Janssen. Só entre o luns, martes e mércores administráronse unhas 6.400 vacinas, ás que se suman as de mañá, co que xa se superan ás 10.000 vacinas en catro días só tendo en conta a ampliación no recinto FIMO.
 
Así, continuaba esta semana a actividade diaria coas segundas doses dos maiores de 80 anos nos centros de saúde, domicilios e no Hospital Arquitecto Marcide, coa vacina de Pfizer. O martes e o mércores, ademais das habituais vacinacións dos centros de saúde e domicilios, continuaba a vacinación masiva ó grupo de idade de entre 70 e 79 anos, en FIMO, coa vacina de Pfizer. Entre martes e mércores en FIMO administráronse máis de 3.400, un 91% das convocadas. Por outra banda, a partir de hoxe mércores e ata o domingo, ás habituais vacinacións dos centros de saúde e domicilios, únense tamén as vacinacións da segunda dose coa vacina de Moderna, ós maiores de 80 anos, no Hospital Naval, completando o ciclo tralas primeiras doses que eran administradas durante os festivos de semana. E engádese, mañá xoves, a citada vacinación masiva en FIMO; e máis vacinación nos domicilios coa vacina de Janssen.
 
En termos globais, dende o inicio da vacinación en decembro de 2020, administráronse na Área Sanitaria de Ferrol xa un total de 75.397 vacinas fronte a Covid, e 19.855 persoas teñen xa as dúas doses. Remarcar que tódalas accións que se realizan en relación coa vacinación están supeditadas á chegada de vacinas; e o tipo de vacina que chega, xa que estas están destinadas a un ou a outro grupo de idade. O obxectivo e ir adiantando ó máximo o proceso de protección en canto chegan as vacinas, de aí que estean en marcha distintos grupos de idade en paralelo. Un exemplo disto é a vacinación en FIMO de mañá que emprega tódolos postos de vacinación que estaban preparados por se chegaban máis vacinas. Neste senso, ó se incrementar o número de citados, prégase á cidadanía que se axuste o máis posible á hora establecida na súa citación para acudir ó recinto.
A Área Sanitaria de Ferrol quere subliñar sempre e novamente o agradecemento ás persoas que están a colaborar para facer isto posible, ós e ás profesionais da Área, ós colaboradores dos Concellos, e ás persoas que optan pola súa protección e a do seu entorno ó dicir que si á vacina.

 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss