O SERGAS COMPROBA AS MELLORAS REALIZADAS NO CENTRO DE SAÚDE DE CAMBADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 04 2021
 

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do mesmo departamento, Jorge Aboal Viñas, e do xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, visitaron hoxe o centro de saúde de Cambados, para seguir coñecendo, de primeira man, as necesidades dos profesionais de atención primaria.

No transcurso da visita, os responsables da sanidade pública galega comprobaron o investimento de máis de 100.000 euros, realizado conxuntamente polo Sergas e o Concello de Cambados, para a reforma do centro. Dita reforma supuxo unha importante mellora das instalacións entre as que hai que sinalar, a calefacción, o saneamento, a reposición de pavimento, diversos traballos de albanelería, ou substitución de luminarias existentes por outras LED.
 
Fortalecer a atención primaria
Co obxectivo de fortalecer o primeiro nivel asistencial, o departamento sanitario galego puxo en marcha o Plan galego de atención primaria 2019-2021, que, cun orzamen5to de máis de 100 millóns de euros, conta con 200 accións prioritarias, das que xa se remataron o 96% das fixadas a curto prazo, e o 88% das proxectadas a medio prazo xa están iniciadas.
 
Entre as iniciativas para desenvolver a atención primaria, Sanidade avoga por dotar dunha maior autonomía aos centros, ao tempo que se aposta por innovar e xestionar os recursos humanos a nivel local. Para desenvolver esa autonomía, o Sergas está a avanzar no documento base para os futuros Plans de Saúde locais, nos que definiranse proxectos que deberán adaptarse, dun xeito específico, ás necesidades de cada territorio.
 
Durante a pandemia, a Consellería de Sanidade non detivo o desenvolvemento e seguimento do Plan de Atención Primaria, cotinuando a reunir o Consello Técnico e as comisións sectoriais para reorganizar as funcións dos profesionais das distintas categorías deste nivel asistencial. Estas conclusións, Sanidade agarda pechalas antes do verán.
 
Sinalar, por último, que dende o ano 2009 a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 84 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 67.800 metros cadrados. A eles hai que engadir outras 8 obras que están en marcha. En total, a administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 100 millóns de euros.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss