O CONSELLEIRO DE SANIDADE SINALA QUE ESTE É O MOMENTO DE CONSOLIDACIÓN E POSTA EN VALOR DO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO GALEGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 04 2021
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu hoxe, no Edificio Administrativo do Sergas, o acto de toma de posesión de Estrella López-Pardo, como nova directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade. Neste acto, o máximo responsable sanitario galego remarcou que “este é o momento de consolidación e posta en valor do sistema sanitario público galego”. Tamén destacou o perfil da nova directora xeral, “moi coñecedora do sistema sanitario”, así como a súa visión a medio e longo prazo.

García Comesaña dixo que, na actualidade, o proceso de vacinación “é o maior reto que ten o sistema sanitario” e destacou que, na vindeira semana, está previsto vacinar a 240.000 persoas. O conselleiro subliñou que “a atención primaria ten que xogar un papel máis activo”, ademais de confirmar a aposta do seu departamento pola atención integrada.
 

Pola súa parte, a nova directora xeral, agradeceu ao conselleiro a súa cofianza para este posto, “que agarda devolver a través do traballo e a dedicación”. Amosouse moi ilusionada co reto e consciente da responsabilidade que asume. Destacou que Galicia ten un bó sistema sanitario e sinalou este momento como “bo para emprender unha reforma sanitaria, que xa se fai imprescindible”.

Estrella López- Pardo dixo, tamén, que os profesionais están desexando que a administración sexa a canle de boas iniciativas, e que sen organización non se pode conseguir a excelencia. Temos que ser capaces, -proseguiu-, “de vertebrar a atención sanitaria en torno á atención primaria”. Se a atención primaria funciona ben, a atención hospitalaria tamén funciona ben, o que vai en beneficio dos pacientes, -remarcou a nova directora xeral-.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss