A ÁREA SANITARIA DE FERROL DESPEDÍA ESTA MAÑÁ ÓS 16 ALUMNOS E ALUMNAS DE SEXTO CURSO DE MEDICINA TRALO REMATE DAS SÚAS PRÁCTICAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 04 2021

​A Área Sanitaria de Ferrol despedía esta mañá ós 16 alumnos e alumnas de sexto de medicina que realizaron as súas materias de práctica clínica de todo o curso académico na área ferrolá durante este curso 2020-2021. Esta é a sexta promoción de alumnos nesta modalidade de formación da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que acolle a Área Sanitaria de Ferrol xa que, ata o 2015, acudían alumnos da Facultade de Medicina só en período non lectivo, no verán. A modificación do Plan de Estudos estableceu nese ano un período longo de prácticas en sexto curso en diversos emprazamentos da área sanitaria ferrolá.

Os alumnos e alumnas puideron escoller calquera área do Sergas, e estes 16 escolleron Ferrol. Con esta formación, rematan os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Esta mañá, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, estiveron acompañados polo xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; e o responsable de Docencia, Ramón López de los Reyes.
O peculiar contexto que se está a vivir por mor da covid provocou que este acto de despedida fora máis reducido, e non puideran estar cos seus 38 titores, algo que todos reseñaron. López de los Reyes enfatizou que “é un orgullo que nos teñades escollido. Sodes estupendos e destes todo nun ano moi complicado”, e engadiu “temos que dar o mellor ós pacientes e aprender de todo ó redor nos períodos formativos. Sinto que non poida estar o salón cheo de xente e os vosos titores, que fan un esforzo enorme”.
 
O alumno Miguel Pena falou en nome dos seus compañeiros centrándose fundamentalmente nos agradecementos ó equipo de docencia e ós titores, no que a pesar de todo “ten sido un ano frutífero, no que temos aprendido moito cuns titores marabillosos, que fixeron un enorme esforzo a pesar das dificultades”. Pechaba o acto o xerente, Ángel Facio, quen se referiu a eles dicindo: “Na Área Sanitaria de Ferrol hai proximidade, e sodes os que nos ensinades a ser mellores” Xunto con isto, “ non podemos máis que agradecer tamén o labor dos titores e do equipo de docencia”. Recordoulles que “se ten tecnificado moito a medicina, pero que, neste ano, quedou demostrada a importancia do contacto co paciente, de que o sistema lle dea unha resposta”. E rematou: “escollestes unha profesión difícil pero somos responsables de cada un dos pacientes”.
 
Intensificar a formación en áreas específicas
Estes alumnos cursan materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde, e adquiren competencias xerais. En sexto curso, afondan en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzan os coñecementos máis globais. Polo tanto, o obxectivo xeral desta rotación na área sanitaria ferrolá é que os estudantes pasen por áreas específicas durante períodos de tempo concretos. A organización corresponde ós coordinadores docentes de cada centro seguindo as instrucións e plans de estudo que proveñen da facultade de medicina e odontoloxía, e organízanse quendas para que todo o alumnado pase por diferentes materias clínicas, cirúrxicas, e de servizos centrais, tanto no ámbito hospitalario como nos centros de saúde.
 
Así, aproxímanse a Medicina Interna, Medicina Intensiva (UCI), Medicina Preventiva, Dixestivo, Dermatoloxía, Endocrinoloxía, Cirurxía Vascular, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Neuroloxía, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Pediatría, Psiquiatría, Anestesia, Reumatoloxía, Nefroloxía, Oncoloxía, Otorrinolaringoloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Rehabilitación, Pneumoloxía, Uroloxía, Urxencias e os Centros de saúde. Como novidade, tamén rotarán polo punto de coordinación Covid da Área sanitaria de Ferrol, dada a especial relevancia de coñecer os protocolos, e a coordinación de información e das probas que se realiza dende este punto.
 
Posteriormente, fanlle un exame de tódalas materias en Santiago de Compostela, unha Avaliación Clínica Obxectiva Estruturada (ACOE) de habilidades necesarias, e que se consideran básicas na atención ós pacientes. As denominadas estacións, coas que os avalían, son situacións clínicas nas que hai que actuar dun xeito común a todas elas, non só dende o punto de vista clínico, senón dende a actitude: comunicación e trato ó paciente; atención á familia; saúdo inicial; habilidades clínicas básicas, como a realización da entrevista clínica ou as técnicas de exame físico; habilidades preventivas; orientación diagnóstica e solicitude de probas complementarias; toma de decisións; ou manexo de material técnico.
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN DA ÁREA SANITARIA DE FERROL.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss