UN VÍDEO DOS E DAS PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL E DEBUXOS DOS MÁIS PEQUENOS RECORDAN O DÍA MUNDIAL DA HIXIENE DE MANS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 05 2021
​A Área Sanitaria de Ferrol súmase un ano máis á conmemoración do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra hoxe 5 de maio, e realiza diversas actividades. O lema deste ano é Segundos que salvan vidas. Limpa as túas mans, xa que en tan só 30 segundos lóitase contra as bacterias máis habituais, algunhas multirresistentes. Como novidade este ano, as e os profesionais de diversos departamentos, sanitarios e non sanitarios, da Área Sanitaria de Ferrol realizaron un vídeo recordando os momentos destinados a intensificar o lavado de mans habitual. Estes cinco momentos son antes do contacto co paciente, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente. O vídeo pódese ver tanto na páxina web como no Facebook da Área.
 
Tódolos anos distribúese material relacionado con este día e ofrécese información ó respecto. No contexto actual provocado pola aparición do Coronavirus Covid-19, este día volve ser máis mundial que nunca, e o sinxelo acto de lavar as mans con auga e xabón ou con solución hidroalcohólica convértese no método máis sinxelo, fundamental e universal para salvar vidas. A Área sanitaria ferrolá sempre incide na importancia da hixiene de mans para evitar infeccións neste día, e esta mañá, outra das novidades deste ano foi que na entrada principal do Arquitecto Marcide profesionais de Enfermaría ensinaban a lavar as mans diante duns paneis especiais cheos de debuxos en relación con este tema dos nenos e nenas que estiveron hospitalizados e tamén dos fillos e fillas dos e das traballadoras, que se sumaron a este día tan relevante.
 
 
Estes sanitarios, tanto no Hospital Naval como no Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, empregaban con quen o desexara tamén o lavado de mans con solucións marcadoras e lámpada de luz negra, un sistema que comproba posteriormente ó lavado de mans o resultado dese lavado, e se foi correcto ou non.
 
 
Ademais, emitiuse información dende a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Medicina Preventiva, e Esterilización; visualizábase tamén nas pantallas de quendas dos centros sanitarios; e enviouse material divulgativo en formato electrónico a asociacións de pacientes e centros sociosanitarios. O obxectivo único neste día é o de concienciar sobre a importancia da hixiene de mans como barreira para a transmisión de bacterias, infeccións, en definitiva, enfermidade. A realidade actual pon de relevo esa importancia.
 

A Hixiene de mans no ámbito sanitario
Os profesionais sanitarios están activamente comprometidos xa durante todo o ano en evitar infeccións ou dano, e realizan unha axeitada hixiene das mans nos cinco momentos recomendados durante a asistencia, xa mencionados, e que tamén figuran no cartel deseñado pola Unidade de Calidade para esta ocasión, situado no fondo de pantalla dos ordenadores de tódolos traballadores e traballadoras da Área Sanitaria.

 

Enténdese por hixiene de mans un proceso que ten coma obxectivo reduci-lo número de microorganismos que hai na pel das mans. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans; e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans. Neste día sempre se destaca que “a hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reduci-la transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto”. Hoxe pódese enfatizar máis que nunca o feito de que “unha correcta hixiene de mans salva vidas”. Segundos que salvan vidas. Limpa as túas mans.
 

SAÚDOS,

COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss