A XUNTA DE GALICIA INVISTE 4 MILLÓNS DE EUROS NA REFORMA E NOVO EQUIPAMENTO DO SERVIZO DE FARMACIA HOSPITALARIA DO CLÍNICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 06 2021

Santiago, 1 de xuño 2021 .- A Xunta de Galicia inviste na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza 4 millóns de euros na reforma e novo equipamento do servizo de Farmacia Hospitalaria situado no Hospital Clínico. O maior investimento realizarase no subministro de diverso equipamento, cun importe de máis de dous millóns e medio de euros, entre o que destaca o robot de preparación de medicamentos para o tratamento do cancro, único en Galicia. Este robot proporcionará maior seguridade para o persoal que traballa na área e permitirá preparar máis tratamentos por día.

 

Por outro lado, a Farmacia disporá dun almacén totalmente automatizado cun carrusel horizontal de 4 liñas, unha delas refrixerada, converténdose no almacén robotizado máis grande da comunidade. A área sanitaria de Santiago e Barbanza gasta en medicamentos hospitalarios 100 millóns de euros ao ano e este robot permitirá ser máis eficientes no seu almacenamento, control e xestión.
Na área de consultas externas implantarase  un robot de dispensación que suporá unha  atención máis eficiente para os pacientes xunto a unha optimización da súa almacenaxe. No ano 2020 realizáronse máis de 50.000 consultas.
Estas actuacións son susceptibles de financiamento no marco do eixo REACT-UE do programa FEDER Galicia 2014-2020.
Amais destes investimentos, un millón e medio de euros destinarase na remodelación de máis de  700 m2 que permitirán converter á sanidade pública compostelá na primeira en ter un área de elaboración de medicamentos integrando  almacén propio, 4 salas con equipamento de vangarda e os vestiarios específicos.
A obra permitirá crear  circuítos diferentes para cada un dos fluxos de produción como materiais para fabricación, medicamentos elaborados, persoal e residuos. Estes circuítos evitarán posibles contaminacións, mantendo o criterio axeitado da cadea de presións, ben sexa para a fabricación de produtos estériles ou para o procesamento de produtos víricos, citotóxicos ou bioperigosos.
Deste xeito, a solución proxectada será un garante de seguridade que repercutirá nun triple  eido, ao incidir nos pacientes, no persoal, e tamén no medio ambiente.
 
 

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss