UN TOTAL DE 9.379 PERSOAS TEÑEN TARXETA DE DOADOR DE ÓRGANOS NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2021

​Nos 20 concellos que conforman a Área Sanitaria de Ferrol, un total de 9.379 persoas teñen rexistrada a tarxeta de doador na actualidade. A mellor maneira para asegurar que exista a oportunidade de vida que ofrecen os transplantes é facerse doante. Estas cifras téñense incrementado durante os últimos anos, xa que, nesta mesma data do ano pasado 2020, había 9.293 persoas con tarxeta; no ano 2019, 9.103; no 2018, 8.867; e no ano 2017, a cifra de persoas con tarxeta de doador era 8.565. Dende a Área Sanitaria de Ferrol, agradécese a xenerosidade desta persoas, que axudan a salvar vidas.

 

O Día Nacional do Doador de órganos celébrase hoxe 2 de xuño co lema “Doar é amar. A túa solidariedade danos a vida”. Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol sumábanse a este día esta mañá no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide para dar visibilidade á este transcendental acto altruísta. Por outra banda, por mor da celebración do Día Mundial, a Asociación Alcer Coruña uniu nun documento gráfico, empregando un agasallo como metáfora de agradecemento ás persoas doadoras, a todos os axentes sanitarios implicados na enfermidade renal da provincia da Coruña. 

 

No caso da Área Sanitaria de Ferrol, participaron o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; a subdirectora médica de prestación farmacéutica, Ángeles Freire Fojo; e o responsable do Servizo de Nefroloxía, Pablo Bouza Piñeiro. Pódese ver compartido no Facebook da Área Sanitaria de Ferrol. No acto desta mañá estiveron tamén o subdirector de Humanización, Juan Manuel González Lorenzo; e o director médico Luis González Taboada.

 

Tarxeta de doazón

A tarxeta de doante é un documento que se solicita e formaliza en vida sen compromiso legal. Pero a súa utilidade é expresar de maneira escrita o testemuño de desexo de doar. Non obstante, o máis importante é que a familia coñeza ese desexo, xa que os médicos sempre a van consultar e poderán referendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás. Lembrar un ano máis unha cuestión básica que é necesario reiterar: que unha doazón multiorgánica salva ou mellora a calidade de vida dunha media de oito persoas.


Esta tarxeta expídese en institucións públicas como a Consellería de Sanidade ou o Complexo Hospitalario, por exemplo; privadas, como algunhas asociacións de pacientes; e, tamén, a través do novo espazo web da Área Sanitaria de Ferrol, onde se ofrece información sobre a doazón, as preguntas más frecuentes, onde doar, ou como facer a tarxeta de doador https://ferrol.sergas.gal/Paxinas/web.aspx?tipo=paxlct&idTax=5014. Neste ámbito, facilítase información e números de contacto. Sempre é gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, xa que se pode anular sempre que o titular o desexe.


Os órganos que se poden doar son os riles, o fígado, o páncreas, o corazón, os pulmóns e o intestino. E os tecidos, as córneas; pel; óso, cartilaxes e tendóns; vasos sanguíneos (arterias e veas); válvulas cardíacas; sangue e os proxenitores hematopoéticos (da medula ósea, do sangue periférico e do sangue de cordón umbilical); e a membrana amniótica da placenta. Pódese ser doante en vida ou tralo falecemento.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss