A XUNTA VOTA EN CONTRA DAS MEDIDAS IMPOSTAS POLO MINISTERIO DE SANIDADE AO LIMITAR A CAPACIDADE DE XESTIÓN DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2021

 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, votou esta tarde en contra do documento que o Ministerio presentou no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para regular as distintas situacións no ámbito da saúde pública.
 
O titular do departamento sanitario da Xunta manifestou que “estamos ante unhas novas normas que o Goberno central quere impoñer, sen ter en conta o traballo feito durante máis dun ano polas Comunidades, que son as que mellor coñecen a realidade e as particularidades de cada territorio”.
 
García Comesaña criticou que “onte se falara de recomendacións e hoxe se presenten como normas de obrigado cumprimento, deixando a un lado e desdeñando o traballo realizado polas Comunidades Autónomas”.
 
O conselleiro de Sanidade apuntou que a decisión desta tarde “é unha falta de respecto ao traballo desenvolto polo comité clínico durante máis dun ano sen o apoio do Ministerio”; pois “altera a estabilidade e o coñecemento que atesourou Galicia na xestión da crise sanitaria, mediante a adopción de medidas que contaron co aval do comité de expertos”.
 
Segundo o máximo responsable da Sanidade galega, o documento, aprobado por votación e non por consenso, como sería o desexable, “é extemporáneo e tira por terra todo o labor feito polo comité clínico nos últimos meses”.
 
O conselleiro lamentou que o Ministerio trasladara por primeira vez este texto ás Comunidades Autónomas onte ás 21:00 horas. Un documento, engadiu, que “fai referencia a outro que se aprobou hoxe mesmo ás tres da tarde, só unha hora antes do comezo do Consello Interterritorial”.
 
“Ímolo a estudar polo miúdo coa asesoría xurídica para analizar o carácter vinculante e se invade competencias autonómicas, pero non estamos de acordo, nin coa maioría das medidas, nin, por suposto, co feito de que queiran facelas de obrigado cumprimento”, subliñou.
 
Con todo, o conselleiro apuntou que a Xunta de Galicia “respectará as medidas que sexan de obrigado cumprimento, aínda que non as comparta”.
 
García Comesaña sinalou que o Goberno de España “despois de meses ausente e sen coordinar, agora, cando parece que o peor xa pasou, pretende asumir un protagonismo  do que viña fuxindo, e onde as Comunidades Autónomas tiveron que situarse á fronte da pandemia”.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss