AS FUNDACIÓNS DE INVESTIGACIÓN BIOMÉDICA DOS CENTROS SANITARIOS PÚBLICOS GALEGOS ACORDAN O CONVENIO COLECTIVO PARA OS SEUS TRABALLADORES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 06 2021

 
As Fundacións de investigación Biomédica dos centros sanitarios públicos de Galicia e os Comités de Empresa representantes do persoal veñen de acordar, de xeito unánime, o convenio colectivo que regulará o labor dos seus traballadores.
 
O Consello Galego de Relacións Laborais, acolleu unha Mesa Negociadora que contou coa participación de representantes das tres Fundacións de investigación Biomédica dos centros sanitarios públicos de Galicia, nomeadamente, a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e a Fundación Biomédica Galicia Sur; e os representantes de cadanseu Comité de Empresa.
 
Mediante a formalización do primeiro convenio colectivo que se acorda en Galicia para estas entidades, os preto de 500 profesionais que prestan os seus servizos nestas Fundacións, poderanse ver beneficiados dunhas condicións laborais reguladas, máis seguras, e aliñadas coa Carta Europea do Investigador e o Código de conduta para a contratación de investigadores.
 
Entre os aspectos nos que incide o acordo atópanse: facilitar as relacións entre todas as fundacións e os seus traballadores, mellorar as súas condicións de seguridade e saúde laboral, ademais de promover Políticas Ambientais que fomenten o  aforro non consumo de recursos  naturais e melloren a eficiencia  enerxética.
 
Do mesmo xeito, o convenio establecerá un réxime de permisos común para todo o persoal, especialmente, no que se refire aos permisos por motivos de conciliación da vida  persoal, familiar e laboral, asi como permisos retribuídos para a formación.
 
O documento tamén incide na promoción da igualdade e a protección de  traballadoras que puidesen ser vítimas de violencia de  xénero,  para que conten con todas as medidas de garantía laboral e do reaxuste das condicións que precisen na prestación de servizos.
 
O acordo acadado deberá ser agora ratificado polos padroados das fundacións, e formalizado finalmente entre as partes, previa a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
 
Con todo, as partes acordaron que os efectos económicos do convenio sexan xa de aplicación desde o 1 de xaneiro deste ano, independentemente da data final na que se publique o acordo.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss