UN TOTAL DE CINCO EMPRESAS PRESENTAN OFERTAS PARA EXECUTAR AS OBRAS DA INSTALACIÓN DE CLIMATIZACIÓN DO HOSPITAL DO MEIXOEIRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 06 2021

Un total de cinco empresas veñen de presentar ofertas para executar as obras da instalación da climatización no Hospital Meixoeiro, co obxectivo de dotar de adecuadas condicións de confort térmico aos andares de hospitalización, o que implica a colocación en cuberta das máquinas climatizadoras, e a colocación na fachada de novas reixas de ventilación.
 
Nesta actuación, abordarase a definición completa da instalación, desde os equipos de produción de calor e frío, ata os puntos terminais, pasando polos equipos de ventilación, reixas, difusores, incluíndo tubaxe, valvulería, condutos, comportas, e todos os elementos necesarios para o funcionamento adecuado.
 
A subministración eléctrica para os novos equipos de climatización tamén formará parte do proxecto, así como a dotación de iluminación de emerxencia e elementos de protección contra incendios na localización dos novos cadros.
 
O orzamento de licitación é de 3.936.413 euros, e estímase un prazo de execución de 7 meses. Con esta actuación, e coa que se está a levar a cabo na mellora de envolventes térmicas, búscase incrementar a eficiencia enerxética do hospital e tamén a confortabilidade de usuarios e traballadores.
 
Modernización e ampliación
Desde 2015, ano de apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, a Xunta apostou por reforzar tamén o hospital do Meixoeiro para modernizalo e amplialo cuns investimentos totais de máis de 22 millóns de euros. Así, adaptouse o baixo andar para convertelo no laboratorio central da área sanitaria de Vigo, creouse un novo laboratorio de microbioloxía e efectuáronse melloras nos accesos e na lavandería.
Do mesmo xeito, investíronse máis de 4 millóns de euros nas obras de implantación da unidade de mama, a reforma do servizo de medicina nuclear e a ampliación do servizo de radioloxía.
 
Actualmente, está en execución, cun investimento de case 7 millóns de euros, a obra de mellora das envolventes térmicas para asegurar a estanquidade dos edificios e mellorar a súa eficiencia enerxética. Ademais, increméntase o illamento térmico no acabado da fachada, substitúense as carpinterías e renóvanse as cubertas, para dar unha nova imaxe actualizada e modernizada ao conxunto.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss