A DIRECCIÓN XERAL DE SAÚDE PÚBLICA ORGANIZA A PRIMEIRA XORNADA DE CALIDADE NO CONTROL OFICIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2021

 

A Dirección Xeral de Saúde Pública vén de organizar a Primeira Xornada de Calidade no Control Oficial, no que se revisaron os derradeiros avances acadados en materia de sanidade ambiental e seguridade alimentaria.

Nesta xuntanza, na que participaron todas as persoas responsables das unidades de control oficial, entre elas a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Duran; as xefas territoriais de sanidade das catro provincias galegas, e responsables dos servizos de inspección veterinaria e farmacéutica de saúde pública, intercambiáronse impresións sobre como optimizar diversos dos aspectos do eido do control oficial, ademais de fixar as bases dun foro, que permitirá a comunicación entre todos os axentes en materia de calidade.
 
Neste ámbito da Saúde Pública, e a través de diversos programas de vixilancia nos eidos da sanidade ambiental e a seguridade alimentaria, a administración sanitaria verifica o cumprimento das normativas de aplicación. Este labor diario, enmarcado na protección da saúde, leva anos realizándose baixo os estándares da calidade e de mellora continua, para os que se conta con ferramentas e procedementos que normalizan o traballo dos inspectores de saúde pública.
 
No transcurso da xornada, achegouse unha revisión dos últimos avances e os pasos levados a cabo ata a actualidade; recoñecendo o traballo realizado por estes servizos de inspección, declarados esencias durante a pandemia.
 
Unha das principais conclusións da xornada foi que o desenvolvemento das actividades de formación, de comunicación e de participación deben ser claves para poder acadar os obxectivos marcados dentro do eido da calidade, no servizo de inspección de saúde pública.
Ademais, tamén se expuxeron os proxectos que serán abordados de cara ao futuro, como é o caso da dixitalización dos sistemas de información da inspección de saúde pública e do seu laboratorio. A súa posta en marcha, na que xa se está a traballa, permitirá automatizar e normalizar moitos procesos.
 
Con todo, a defensa da calidade no control oficial quere ir mais alá. Así, mediante o compromiso de todas as áreas da Consellería de Sanidade implicadas, desde os servizos centrais ata as xefaturas territoriais, e o propio persoal inspector, pretendese acadar a excelencia e traballar para obter a acreditación deste control oficial baixo a norma UNE-EN/ISO-IEC 17020, que é a norma que establece os criterios para os organismos que realizan inspección.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss