O SERVIZO DE CARDIOLOXÍA DO CHUF INCORPORA UNHA NOVA TÉCNICA DE IMPLANTE DE MARCAPASOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 06 2021

​O Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorporaba onte unha nova técnica cirúrxica para a implantación de marcapasos, e realizaba as primeiras dúas intervencións empregando o Haz de His ou rama esquerda do tecido de condución do estímulo cardíaco do corazón. A técnica estándar nas últimas décadas ten sido a estimulación clásica a través do ventrículo dereito ou en asociación coa estimulación auricular. Esta nova técnica necesita unha tecnoloxía para se realizar, formación específica e unha curva de aprendizaxe.
 

Os especialistas en Cardioloxía da Unidade de Marcapasos do Complexo ferrolá, Fernando Garcia López e Sandra Rey Fariña, formáronse neste novo procedemento no Hospital Juan Ramon Jimenez en Huelva; e un cardiólogo de referencia nesta técnica, Ermengol Valles, colaboraba onte con eles nas dúas primeiras intervencións deste tipo na área sanitaria ferrolá. 
 
Técnica e perfil de paciente
O perfil da persoa que se pode beneficiar desta técnica son pacientes máis novos (menores de 60 anos) co risco que implica a necesidade de estimulación excesiva, con outras patoloxías cardíacas asociadas, ou que, por esa estimulación constante ou excesiva, poidan ter máis efectos ou posibles danos. Así, esta nova actividade trátase dunha técnica de estimulación fisiolóxica que require o uso dun polígrafo para realizar un mapeo eléctrico e localizar o Haz de His ou rama esquerda do corazón.
 
Con este tipo de implante nos quirófanos do CHUF, preténdese imitar o sistema da condución eléctrica natural dos estímulos do corazón. Así, ó se realizar unha estimulación fisiolóxica, reduce o risco que pode supor, sobre todo na xente máis nova, a estimulación permanente necesaria ó longo dos anos. Xunto con isto, en pacientes onde existe unha patoloxía cardiovascular concomitante que se mencionaba, como por exemplo, a presenza dun bloqueo de rama ou dunha disfunción ventricular, pode incluso servir para mellorar o prognóstico e reducir o risco por descompensación de insuficiencia cardíaca.
 
Este tipo de intervención non é posible en tódolos casos, pero, nos que é factible, o beneficio é alto. Na Área Sanitaria de Ferrol, realízanse uns 180 novos implantes de marcapasos ó ano. E estímase que se fagan con esta nova técnica incorporada unha media de 10 casos.
 
En definitiva, explican dende o Servizo de Cardioloxía, esta técnica “en pacientes novos a redución de síndrome de marcapasos, mellora a calidade de vida e os efectos ou posibles danos da estimulación prolongada. En pacientes con bloqueo de rama ou disfunción, implica unha mellora funcional e redución de ingresos por descompensación”.
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss