A DIRECTORA XERAL DE SAÚDE PÚBLICA DA CONSELLERÍA DE SANIDADE RECIBE O PREMIO “DAMA AZOR” DA BRILAT
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 06 2021
 

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, recibiu hoxe, no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro, o premio “Dama Azor” 2021, pola súa contribución a que a Brilat alcanzara altas cotas de eficacia durante a Operación Baluarte, e por impulsar o recoñecemento público ao persoal rastrexador das súas Seccións de Vixilancia Epidemiolóxica. O premio foille entregado polo xeneral xefe da Brilat, Luis Cortés Delgado.

No acto de entrega, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou o apoio prestado pola Brilat á Xunta de Galicia na loita contra a covid, a través dunha unidade de vixilancia epidemiolóxica, perfectamente coordinada coa Central de Seguimento de Contactos da Consellería de Sanidade. Unha unidade, -remarcou o conselleiro-, “que estivo sempre a disposición do que as autoridades sanitarias necesitábamos en cada momento e en cada contexto”.
 

Segundo incidiu García Comesaña, “a evolución da pandemia obrigounos a cambiar varias veces a organización e as funcións de todo o dispositivo de seguimento, e na Brilat nunca atopamos o menor obstáculo, senón sempre a máxima vontade de colaboración e a mellor disposición”.

O conselleiro destacou de Carmen Durán “a súa longa traxectoria de exercicio, investigación e xestión sanitaria, ademais das súas altas cotas de eficacia e tenacidade, sendo unha peza fundamental do equipo directivo da Consellería de Sanidade”.

Agradecemento de Carmen Durán
A directora xeral de Saúde Pública dixo que é unha honra este recoñecemento e destacou que a Brilat asumiu, dende o principio da pandemia, un papel activo, ponéndose a disposición da sociedade, coa súa profesionalidade, entrega e vocación de servizo público.
 
Segundo incidiu Carmen Durán, nesta crise sanitaria, os valores da Brilat puxéronse claramente de manifesto. Non só cubriu a dimensión puramente epidemiolóxica e de saúde pública, senón tamén a parte máis humana, a de acompañar, escoitar e asesorar, -dixo-.

 

A directora agradeceu o traballo de todos os profesionais dos centros sanitarios ou dende servizos centrais, que están a posibilitar estar ante un escenario de esperanza. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o equipo de saúde pública que dirixe.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss