A BIBLIOTECA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL EXPÓN OS TRABALLOS REALIZADOS NO CONCURSO DAS LETRAS GALEGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 06 2021

​A Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol do Sergas expón na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol os 57 traballos presentados ó concurso de Fotografía, Pintura e Poesía que convocaba entre os e as traballadoras da Área Sanitaria, o pasado mes de abril por mor do Día do Libro. Os galardóns deste concurso en cada unha das súas modalidades entregábanse nun acto colectivo o pasado venres 21 de maio, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, conmemorando a semana das Letras Galegas.

Lembrar que a faceta artística dos e das profesionais canalízase habitualmente a través das distintas actividades que desenvolve a Asociación Deportivo Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe). A Biblioteca quixo contribuír neste eido cultural aproveitado unha doazón de libros para a Biblioteca, destinando parte da mesma a premiar a inquietude nestes eidos dos integrantes da Área Sanitaria de Ferrol.
 
Estableceuse un premio por cada unha das categorías, tres lotes de libros, e cada lote estaba composto por 13 libros. Os premiados foron, en Fotografía, a obra Ollo mau, de Maria Fernández Veiga; en Pintura, A mala choiva, bo paraugas, de Santiago Lago Canzobre; e, en Poesía, Pipas, de Angélica Mosconi Domínguez.
 

Finalmente, o máis de medio centenar de obras participantes pódense ver, dende hoxe 9 de xuño e durante todo este mes, en catro paneis na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, onde se poden ver poesías de tódolos estilos, as imaxes das obras pictóricas, e máis dunha trintena de fotografías tanto en cor como en branco e negro.
 
Tal e como se recollía nas bases, a temática era libre, e os traballos avaliáronse de acordo cos criterios de creatividade, mensaxe que aporta e orixinalidade, por un tribunal formado por integrantes da Asociación Cultural e os mestres nas diversas materias nestas da Asociación. O persoal da Biblioteca recolleu os sobres remitidos baixo plica.

 
Saúdos, Comunicación da Área Sanitaria de Ferrol do Sergas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss