COMEZA A ACTIVIDADE DAS CONSULTAS EXTERNAS DE FARMACIA NO HOSPITAL NAVAL, NO MARCO DO PLAN DIRECTOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 06 2021

​Comeza hoxe a actividade das consultas externas de Farmacia no Hospital Naval, un cambio que se produce no marco do Plan Director. É o primeiro paso dunha das actuacións previstas no Plan; estábase a traballar no acondicionamento do andar baixo do Hospital Naval, no entorno da Farmacia que xa existía neste centro, para aglutinar así todo o Servizo Farmacéutico neste ámbito de xeito provisional. Este novo emprazamento permite poder liberar os espazos necesarios que ocupan actualmente a Farmacia Hospitalaria no centro hospitalario Arquitecto Marcide, e seguir avanzando no Plan Director do Complexo.

 
O traslado das Consultas Externas de Farmacia é o primeiro dos chanzos dun movemento que culminará a finais deste mes de xuño, co traslado total. Este cambio supón contar cun espazo específico con catro consultas externas de Farmacia, no andar baixo do Hospital Naval, e ó que se pode acceder directamente dende o exterior, baixo o túnel. 

 

Así, neste mesmo espazo, quedará emprazada a consulta de Nutrición Enteral, que xa se pasaba neste centro; a consulta xeral, que ata o de agora se realizaba no Centro de Especialidades do Hospital Arquitecto Marcide, e está dedicada a moi diversas materias como a VIH, a esclerose, migrañas, ou o párkinson; a consulta relativa a tratamentos oncohematolóxicos e terapias biolóxicas; e a elaboración, como por exemplo as fórmulas maxistrais, e a dispensación, como antiinfecciosos, asma ou hemofilia entre outros.

 

Nestas consultas externas, que agora quedan unificadas nos novos espazos provisionais de Farmacia no Hospital Naval do Complexo, realizáronse un total de 23.868 consultas durante o pasado ano 2020, a pesar da pandemia, unha actividade sostida, xa que son só 1.351 consultas menos que no ano anterior 2019.
Lembrar igualmente que este Servizo activaba unha mellora moi importante nos momentos máis complexos da pandemia co envío a domicilio da medicación para evitar o desprazamento destes pacientes ó centro hospitalario.
 
Fase I do Plan Director
No marco do Plan Director quedan tres actuacións no Hospital Naval que permiten liberar espazos no Hospital Arquitecto Marcide, o traslado da Farmacia Provisional, o traslado do Hospital de Día e do Servizo de Microbioloxía. Acométese hoxe un primeiro paso destes tres, o traslado das consultas externas da Farmacia Hospitalaria.
 
No Hospital Arquitecto Marcide do Complexo continúase a traballar no Servizo de Radioloxía e nos dous novos edificios. O Plan Director contempla un investimento total de 131 millóns de euros da Xunta de Galicia, que permitirán ampliar, nunha primeira fase, a superficie hospitalaria un 54%. Nesta I Fase das obras o investimento é de 58 millóns de euros.
 
Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss